Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A globalización neoliberal e o futuro da humanidade

    Nesta conxuntura na que a tendencia dominante no mundo semella ser, se temos en consideración exclusivamente a tendencia dominante, a falta de futuro para a mocidade e os sectores maioritarios da povoación, o ex-vicepresidente de Bolivia, Álvaro García Linera, reflexiona nun artigo encol do tema (A Globalización neoliberal en crise) e o denomina como un “tempo suspendido”. Un período no que: “aínda que pasan cousas, malia que xorden conflitos, problemas, novidades, cada día ficamos vivindo unha suspensión do tempo. Hai un momento no tempo cando existe un horizonte, cando podemos polo menos imaxinar cara onde imos, cara onde nos diriximos”. E sintetiza “O mundo está asistindo a un prolongado, conflitivo e agónico final da globalización neoliberal”.

    A crecente desigualdade e precariedade, tanto entre clases sociais como entre nacións, a desfeita ecolóxica e climática, a suma constante de países sometidos a guerras destrutivas, bloqueos e sancións que padece todo o povo, amosan a faciana máis noxenta da globalización neoliberal, do capitalismo nesta etapa. A pandemia do covid-19, o fracaso da exportación imposta da “democracia occidental” e entrega do poder aos talibáns en Afganistán, os problemas produtivos por falta de subministros en procesos internacionalizados, son os efectos dun modelo consubstancial á maximizar a centralización e concentración da riqueza e do poder, como consecuencia da imposición de cadeas de valor favorábeis ao imperialismo. Ao que se lle suma as declaracións e manobras militares cada vez máis agresivas na confrontación entre potencias, que as veces utilizan actores secundarios nesta dinámica tan perigosa.

    Daquela que as políticas verdes, que se presentan como unha panacea, sendo un avance son totalmente insuficientes para reverter os graves problemas ecolóxicos e climáticos, e o aumento da desigualdade social e territorial, e a problemática demográfica e migratoria. E que estas medidas, malia a enorme propaganda, non desperta entusiasmo na sociedade. Así se amosa no Estado español cando volve a centrar súa aposta de recuperación e crecemento no turismo de masas, ou sexa no amoreamento humano, na mobilidade estrema, e no emprego con baixo valor engadido (o debate respecto da ampliación do aeroporto de Barcelona é clarificador neste aspecto, tamén a falta de concreción dos obxectivos dos fundos Next Generation para alén de aspectos moi xerais).

    Polo tanto, urxen políticas que mantendo o esencial das relacións internacionais (recursos dos que se careza, obxectivos comúns, socialización das innovacións...) garantan que a produción de bens e servizos esenciais sexa o máis achegada posíbel ao consumidor/ra, así como diversificada, e por suposto que teña un carácter circular. Hoxe gran parte da produción, tanto agrícola e de recursos básicos está centralizada en determinadas áreas do planeta, o que alongou a distancia entre produción e consumo (a mobilidade extrema, o baleirado do rural en moitos países), co que isto implica diante de todo tipo de situacións climáticas estremas (furacáns, lumes, terremotos, etc.), o sinxelos accidentes en lugares de gran transito de mercancias (canle de Suez). Un proceso que ademais alentou o proceso de concentración en grandes corporacións, ou sexa: do control oligopólico das necesidades máis elementais (economía de escala, degradación da cadea de valor).

    Resulta evidente que hoxe os governos están cada vez máis lonxe da xente, polo control que exercen os donos/as dos cartos e mesmo por organismos nos que os mandos non son escollidos pola vontade popular, polo que nen sequera se mantén unha certa formalidade democrática. Isto tamén sucede coa Comisión da Unión Europea, ou no Estado español con organismos como a Comisión Nacional de Competencia. Neste marco non é de estrañar que o Consello Xeral do Poder Xudicial pretenda ser escollido polas persoas que pertencen ao ramo (moi maioritariamente conservadoras). Semella que de vagar a alta burguesía e os vellos grupos de poder van recuperando o poder absoluto da man do cambio cultural promovido pola globalización neoliberal, un retroceso que axe de contrapeso aos avances en materia de igualdade de xénero, sexual, etc. liberdade relixiosa...

    García Lineras coida que neste intre: “estamos certamente ante tempos sociais moi estarrecedores. Paradoxalmente, malia que falamos dun tempo paralizado, estanse desenvolvendo local e tacticamente un conxunto de loitas, convulsións e inestabilidades permanentes que nos indican que as vitorias no lado conservador e as vitorias no lado progresista ou da esquerda, tampouco van ser duradeiras. É un tempo en que nada vai ser duradeiro durante un período prolongado. Cada vitoria das forzas conservadoras terá pés curtos e poderá derrubarse, e cada vitoria das forzas de esquerda poderá ter pés curtos se é que non sabe corrixir erros e impulsar un conxunto de vínculos coa sociedade”.

    No seu artigo debuxa catro cuestións ás que analizar e dar resposta no futuro inmediato, que serían: a revitalización dos estados...; o reparto do excedente económico tanto entre as clases sociais como entre os territorios...; o debate encol do modelo de sociedade, de novas ideas, crenzas e certezas...; e os grandes retos das forzas progresistas e de esquerda para enfrontar este horizonte de futuro crebado e diluído.

    As primeiras respostas caracterizan feitos evidente. As dúas últimas é nas que a esquerda en xeral menos ten avanzado, tanto na análise da realidade, por exemplo tirando ensinanzas dos acertos e dos erros do proceso do “socialismo real”, como respecto dos cambios que está a producir a revolución científico técnica, non só na área produtiva senón ademais nos comportamentos sociais e migracións masivas. E sobre todo, ser quen de conseguir a complicidade social, e iso implica non só votar, mobilizarse e ter un papel activo na información, no relato, e no debate do proxecto e obxectivos, senón tamén acadar participación activa e protagonismo no partido e na vida pública das clases populares, e moi especialmente da clase traballadora. Este papel abrángueno moi parcialmente as redes e mesmo poden ter un efecto negativo, máxime cando se están a utilizar como unha substitución. Ficamos nunha conxuntura, e iso non só cuestiona a un capitalismo senil (caracterización de Samir Amin) senón unha esquerda que nen debe vivir no pasado, nen acoplándose ao progresismo sistémico no presente. Cómpre ter un proxecto transformador para esta etapa, superador do capitalismo, que parta desta correlación de forzas e estado de ánimo da xente. Sabendo que os cambios son un proceso, que na política e na vida non existe a foto fixa.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    16 sep 2021 / 00:30
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito