Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A indebidamente chamada terceira idade

    O médico, especialista en envellecemento e lonxevidade, Alexandre Kalache (1945) acuñou a palabra ‘xerontolescente’ para referirse ás persoas que superan a idade de xubilación e que continúan activas, realizando tarefas que, por diversos motivos laborais e familiares, non conseguiron desenvolver ao longo da súa vida.

    A xubilación ou como din os portugueses, a ‘reforma’, só é un punto de inflexión, porque con ela a vida non acaba, só cambia de actividade. Vida que é unha carreira de fondo, na que cada vez somos máis os que consideramos que o traballo e a formación debe continuar mentres se ten uso de razón. Só cando esta nos abandona chega a Terceira Idade, a da dependencia, a que nos aproxima ao fin.

    Usando palabras do meu mentor e modelo de vida, Luís Freire (1914-1997), licenciado aos 60 anos e doutor aos 67, “desde a madurez e coa experiencia adquirida pódese facer moito”. Pararse é quedarse atrás, é morrer en vida, por iso a xubilación é un bo momento para continuar detrás dos soños que aínda non se alcanzaron, porque... Soñar é imprescindible para manterse activo!

    Como docente no Programa de Maiores da Universidade de Vigo tiven a sorte de gozar de persoas que tiñan 90 anos, con plenas facultades físicas e mentais gozando e aprendendo entre alumnos universitarios de 20 anos, sen poñerse limitacións a si mesmos, querendo seguir participando nesta sociedade convulsa en tempos convulsos. Estaban facendo realidade o soño de formarse en materias nas que antes non tiveran oportunidade.

    A xerontolescencia, como a adolescencia, corresponde a unha etapa da vida, definida e variable para cada persoa. Comeza cando un deixa o seu traballo profesional, ao que lle dedicou 30 ou máis anos de vida, o que lle permitiu cubrir as necesidades familiares, pero non sempre as intelectuais, as humanísticas e as artísticas, e dura, polo menos, ata que se perden as capacidades mentais.

    É un concepto que se debería interiorizar para evitar poñerse máis límites dos que a historia de vida de cada un pon, o feito de non seguir traballando no que se fixo toda a vida, non quere dicir que xa non se sirva para nada. A unha persoa que deixa de andar atrofiáselle a musculatura e a que deixa de estimular o cerebro, anquilósase e perde independencia.

    Na era dos ‘navegadores’ dixitais, aos que se lles pode consultar calquera dúbida, por absurda que sexa, e que responden ao instante como se estiveran en poder da verdade absoluta, parece que a experiencia e a memoria non teñen valor, que é cousa de tempos pasados. O médico Luís Cabo Rey (1920-2005), falando destes temas, dicía: “antes de haber aparatos os médicos diagnosticábamos o mellor que podíamos conversando, observando e analizando a persoa, agora se o aparato non di algo concreto, o médico non sabe que facer...”. Pode parecer caricaturesco ou sarcástico, pero todos sabemos por experiencia de que demasiadas veces é así.

    A soberbia é frecuente nesta sociedade ‘internauta’, a falta de memoria, de humildade e de comprensión con estes maiores, que tanto deron para que se puideran alcanzar os avances dos que hoxe desfrutamos, é tremenda. Non obstante, a pesar de que a sociedade non está preparada para acollelos dignamente e os gobernos nin sempre se preocupan por eles, o país no que vivimos ten cada vez máis xerontolescentes.

    Probablemente, se os tiveran máis en conta as residencias da Terceira Idade non sufrirían as aglomeracións que, como este ano mostrou a COVID-19, tantos estragos causan física, mental e emocionalmente.

    21 ago 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.