Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 02 marzo 2021
02:00
h

A innovación tecnolóxica
como motor do futuro

    A crise do COVID puxo de manifesto que a tan necesaria modernización tecnolóxica que todos albiscabamos no futuro próximo xa non podía seguir agardando. A tecnoloxía permitiunos teletraballar, facer a compra, resolver trámites e incluso estar en contacto cos nosos familiares, a crise do COVID mudou hábitos e formas de relación e empuxou aos máis remisos a empregar as novas tecnoloxías para poder seguir en contacto co mundo.

    A inversión en innovación e en tecnoloxía non é só unha forma de mellorar a calidade de vida das persoas senón que a aposta decidida pola I+D tecnolóxica leva consigo unha maior produtividade científica e por tanto a creación dun maior número de produtos de alto valor engadido susceptibles de ser patentados. E o máis importante neste momento, os modelos económicos que apostan pola investigación, o desenvolvemento e a innovación presentan unha maior resistencia á hora de sufrir unha crise económica.

    Na Coruña e o seu cinto máis próximo hai hoxe 505 empresas vinculadas ao sector tecnolóxico, facturan 1.100 millóns de euros, case a metade da cifra de tódalas tecnolóxicas galegas xuntas. Ademais, na provincia da Coruña concéntrase o 55 % do emprego existente en Galicia vinculado ás novas tecnoloxías. Non todas son grandes empresas, a gran maioría son pequenas e medianas compañías que teñen algo en común: capacidade de emprendemento e un gran talento.

    A responsabilidade política que temos coa nosa cidade, pero tamén cos nosos fillos, pasa por adiantarnos aos cambios, por brindar todo o noso apoio á innovación tecnolóxica, ao noso talento emprendedor, e a todo aquelo que, máis pronto que tarde, será o motor económico do mundo no que vivimos. O que xa é unha realidade a nivel global, empeza a selo tamén a nivel local. Temos que ser capaces de dar forma a un auténtico ecosistema galego de empresas tecnolóxicas que converta Galicia nun gran polo de atracción de proxectos TIC.

    A cidade das TIC, apoiada e impulsada polo Goberno de Inés Rey poder ser ese gran proxecto estratéxico que permita dar ese pulo a un sector fundamental para o futuro da Coruña e de Galicia. Ás Administracións públicas correspóndenos acompañar ás empresas nese gran obxectivo xa que o contrario suporía non estar á altura da evolución da sociedade e a perda dunha oportunidade histórica.

    27 ene 2021 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito