Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

“A luz” é unha cuestión básica

    Hai servizos ás familias que son esenciais, de primeira necesidade, como poden ser a sanidade e educación públicas, e outros que ademais o son para as empresas e todo tipo de actividades, como poden ser a enerxía, auga, transporte, comunicacións. Nas últimas décadas houbo unha gran presión para que a maior parte destes últimos sectores fosen de titularidade e/ou xestión privada co argumento da competitividade e o libre mercado. Daquela que governos do PSOE e PP privatizaran co mesmo entusiasmo, seguindo as indicacións da UE e os organismos internacionais neoliberais.

    Mais, a pandemia puxo en primeiro plano o aporte para sociedade que significou unha sanidade pública universal, mais, como a outra cara da moeda reflectiu o aumento desorbitado da electricidade e combustíbeis, que incide tan negativamente nas familias e nas empresas. Dous feitos que amosan diante de toda a povoación que hai sectores, como os nomeados no limiar deste artigo, que non poden ser parte do negocio, da especulación, da cobiza empresarial, da liberdade do mercado, porque son básicos para a vida das persoas e o funcionamento das empresas, especialmente das pequenas e medianas, que abranguen á maior parte do emprego.

    Dende o Governo utilizase a escusa, respecto do prezo da electricidade, de que o aumento debese ao maior custe do gas e dos dereitos de emisión pola contaminación producida. Neste último aspecto o medre do prezo semella estar relacionado coa maior produción das centrais de carbón de Alemaña, Polonia, etc. Para compensar parcialmente a subida do prezo da luz o Governo do PSOE+UP rebaixou transitoriamente os impostos á electricidade. Mais esta actitude non pode evitar a evidencia de que esta rebaixa é un parche, xa que as empresas produtoras están a obter beneficios históricos en tempos de pandemia, de crise (no 2020: 3.800 millóns Iberdrola e 2.132 millóns Endesa) e que valoran superar nos vindeiros anos.

    A maior utilización dos gas para producir electricidade debese a que as centrais atómicas no Estado español non cobren o déficit en determinados días e horas (as nucleares son unha aposta perigosa e ademais implican problemas cos residuos). Pola súa banda as enerxías alternativas (fotovoltaica, eólica, hidráulica...) teñen unha produción que depende do clima (sol, vento, chuvia) e a esta altura carecese de medios para almacenar a enerxía producida en grandes cantidades. Tampouco se debe esquecer que o recibo da luz ademais inclúe o custe de traslado da electricidade, e que unha parte da potencia perdese no percorrido (en realidade seu custe debía ser máis baixo canto máis próximo é o lugar de produción e consumo, o que xustifica unha tarifa galega como pide o BNG, CIG... xa que aumenta a competitividade empresarial, polo que ten efectos sobre a creación de emprego, demografía, renda...).

    Para alén de que haxa varias empresas competindo, axen como un oligopolio, e a actual crise enerxética amosa que o lucro está por riba do interese da sociedade. Só unha empresa pública pode garantir un servizo a prezos razoábeis. Ademais, non é xusto que a tarifa sexa a mesma sen ter en conta o traslado, máxime cando ignoralo vai en beneficio das zonas máis ricas do Estado; reforza a desigualdade. A crise enerxética deixa en evidencia que non se trata só de aumentar a potencia instalada con medios alternativos, senón tamén ter a potencia necesaria para atender aqueles días ou horas nos que se carece de recursos “verdes” ou estes non son abondo. Facilitaría o tema poder almacenar a electricidade en grandes cantidades (o hidroxeno será unha alternativa?...)

    En boa medida esta crise cuestiona que a mobilidade dependa en exclusiva de vehículos eléctricos, tendo en consideración as eivas e custes de produción. En fin, cómpre camiñar cara unha enerxía verde, facelo de urxencia tendo en consideración o cambio climático. Mais o tema deixa en evidencia atrancos e eivas importantes que non están resoltas. Ou non se nos quere falar delas, por simple paternalismo? O debate da enerxía debería estar ligado á mobilidade, ao amoreamento urbano, ao equilibrio demográfico, ao tipo de sistema económico e social... Todo é interdependente.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    20 ago 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito