Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A materia dos soños sometida a análise... peneirada polo instinto

    TAN so cando escribo unha novela, no canto de me poñer a elo, sei o que quero escribir... aínda que non saiba como. Mentres me entreteño pensando en como debo expresar o que quero dicir vai pasando o tempo e, nese lapso, é cando se esvaece a ansiedade que disque conleva todo proceso creativo facéndoo con total e absoluta independencia do bo ou do mal resultado obtido, faltaría máis. O gozo da creación é o mesmo no caso dun pintor mediocre e o dun xenio da pintura e igual sucede neste meu pequeno mundo da literatura.

    Non sucede así no encontro co lector que toda redacción dun artigo implica. A maioría das veces non sabes de que escribir, cando menos eu non o sei e, entón, póñome a ler por ver se alguén acode na miña axuda. Así hoxe. Un fabricante de algo pode medir o seu traballo a partires das cifras de produción que acade; por exemplo, un fabricante de regadeiras, fóra das cuestións de calidade, pode avaliar de xeito que saiba que superou ós seus competidores no número das construídas por el e máis no das cifras de vendas realizadas ou, no caso de ser moi exquisito, mesmo pode presumir da cantidade de buratos, eses intanxibles e redondos anacos de aire rodeados de algo, que leva cada unha delas. Hailles moito fabricante de buratos. Así hoxe tamén.

    No caso dun fabricante de historias, que iso é o que é un novelista, sucede o do verso machadiano: que só os necios han confundir o valor e prezo do resultado. Non valen cifras de vendas. Os libros non son chourizos. Atenden a intanxibles tan velaíños como poden ser e son os propios da materia do soños.

    Nunha longa entrevista que Gabriel Motola lle fixo a Primo Levi dous anos antes de que este se suicidara, no 1987, tirándose da varanda dunha escaleira embaixo, dende a altura do coarto piso no que vivía, Levi teima en afirmar que, o que coñecemos por espiritualidade, ten moito máis que ver co instinto que coa razón; ou sexa e se é que o entendo ben: a materia dos soños sometida a análise... peneirada polo instinto, ese inefable que nos fai apreciar a beleza, ou o que é case o mesmo, a harmonía.

    Se isto é así, e parece ser que o é, mesmo pra un artigo periodístico, chegada a hora de xulgar unha obra de arte (un artigo non ten porque non selo) parece inevitable que o fagamos máis co instinto que coa razón. É o instinto, é a emoción o que primeiro nos move; logo, como a emoción foi sempre antes ca palabra, pretendemos expresalo a forza de xogar con elas, coas palabras, e o final resulta tan prolixo e confuso que todo se resume nun me gusta ou nun non me gusta. Así tamén hoxe. Pero alguén se imaxina a reseña dunha novela consistente tan só neso, nun me vale ou non me vale? Dun artigo ata pode ser que si, pero dunha novela...!

    Non sei se será por ese camiño polo que se chega a que o espírito consiga dominar á razón, pero sospeito que si. Os da miña idade, os máis dos da miña idade, formásemos ou non nas filas do Frente de Juventudes, fomos educados, no seu sentido máis literal, na convicción de que “el espíritu impera” de xeito que, chegados xa á idade provecta na que nos atopamos, vémoslle as orellas ó lobo con moita máis facilidade e frecuencia da que poden acadar as xentes máis novas e máis postas ó día pero alleas por completo, ou case, a este tipo de cuestións. Esta pode ser hoxe, xa e de novo, a explicación de que o uso da razón empece a ser mal visto. A razón é a ferramenta da crítica, según Primo Levi deixou dito na entrevista que lles cito un pouco máis atrás.

    O que non se sabe é se aínda non teremos dado un paso máis dos xa dados nos tempos que viviu Primo Levi, o químico que comezou sendo prisioneiro en Auschwitz, continuou sendo escritor no mundo e acabou por se tirar dun cuarto piso embaixo. No seu tempo, a xente formada, seguía a discutir os mesmos problemas xurdidos da caverna platónica, sen tampouco chegar a se poñer de acordo no que significa ser, existir, e máis en si o alma é inmortal ou non.

    Este tipo de cuestións non parecen ser as que alenten, xa que non ás masas, si cando menos a esa elite da que disque dependen os destinos dos pobos. Volve ser o espírito ó que está a montar por riba da razón. E nesas e non noutras son nas que andamos. Breogán nos pille confesados... por non utilizar o nome de Deus en vano.

    22 abr 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito