Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
A VISTA DE PAXARO

A militancia voluntaria do BNG penalizada economicamente

    O Bloque Nacionalista Galego tería que recibir por número de escanos e votos nas derradeiras eleccións autonómicas galegas do 12 de xullo a cantidade de 937.120,39 euros; pero ao facer moito traballo de Fronte Patriotica na campaña electoral a súa militancia de forma voluntaria e gratuíta, e non poderse facturar este traballo, queda cunha subvención de aproximadamente 300.000 euros.

    Deste xeito as organizacións políticas que non teñen ese activo dos traballos gratuítos da militancia e contratan a empresas exteriores para que fagan os traballos que requiren unhas eleccións e lles facturan a estas saen gañando economicamente, xa que logo só se cobra se hai facturas.

    Isto, para min, é inxusto, terían que cobrarse as subvencións simplemente polo número de votos e escanos que tivera cada quen, e non só se o traballo o fan empresas privadas externas.

    O traballo da militancia non ten que estar discriminado economicamente. Co sistema actual incentívase o gasto nas campañas electorais en troques de incentivar o aforro e o traballo militante.

    O traballo militante é aquel que fan os membros dunha organización de forma voluntaria e sen cobrar.

    Eu son dos que distingue entre militante e afiliado. O militante ademais de pagar cotas e votar internamente fai traballo voluntario. O afiliado simplemente paga as súas cotas e vota internamente na súa organización politica.

    Nas campañas electorais gástanse moitos cartos que poden ser rebaixados de varias formas, e unha delas é precisamente o traballo da militancia, que hai que incentivar en troques de penalizar.

    Outra cousa que ten moitos gastos é o famoso buzoneo que fan as organizacións políticas mandando por correo ás casas unha carta acompañada dos sobres e as papeletas para votar. É unha das cousas nas que se gastan máis cartos e eu penso que en pleno secúlo XXI isto é perfectamente prescindible. Hoxe en día coa información que sae nos medios públicos e privados e na rede xa se ten máis información da que se pode obter nunha desas cartas. As papeletas e os sobres están a disposición de todos nos colexios electorais. (Pode que coa Covid-19 non fora esta a convocatoria para facelo, pero isto debería ser o normal).

    O que si que sería de recibo é ter unha lexislación seria que obrigase aos medios tanto públicos como privados a adicar espazos de información sobre os programas e propostas das diferentes candidaturas. Isto é: debates, entrevistas, anuncios e todo tipo de cousas que sirvan para que o elector estea perfectamente informado e teña capacidade de decidir a orientación do seu voto.

    As empresas de información privadas están a exercer un traballo de interese público e terían que estar obrigadas, igual que as públicas, a prestar esta información ao conxunto da cidadanía dunha forma regulada por lei.

    Así pois, o que hai é que incentivar o traballo gratuíto e voluntario da militancia e eliminar gastos que na actualidade non teñen ningún sentido.

    02 ago 2020 / 01:38
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito