Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A nova tarifa eléctrica, unha vía errada

    Para alén dos constantes ataques da dereita, en todas as súas versións, desde a estrema até a liberal, utilizando temas nos que carecen dun argumentario diferenzador, máis alá de ver quen é máis rápido na resposta, na desescalada da pandemia, nas medidas neoliberais e máis centralista, pouca ou ningunha proposta e debate se enfoca en como superar a nivel económico, laboral e social a crise do covid-19. Semella que existe un acordo total en que só se trata de volver o máis rapidamente posíbel a reproducir a situación de 2019, tanto a nivel sectorial como respecto do papel que xogaba cada autonomía e nacionalidade.

    Dende este visión ten reducionista, que nen sequera respondería ao proceso da primeira industrialización, a enerxía verde e a dixitalización serían engadidos, que xerarían novas actividades e oportunidades. Mais será así, ou: o modelo está esgotado, e o rebote como consecuencia de que se trata dunha crise alentada pola pandemia irá perdendo folgos a medida que se fagan visíbeis as eivas da globalización neoliberal?... Non pretendo entrar neste artigo neste tema, mais si deixalo enunciado, porque neste aspecto a actitude do Governo central tampouco está axudando, con anuncios que desbordan optimismo en materia de medre do PIB, e que dan por asociado un crecemento semellante do emprego. Esquecendo, que hai límites ecolóxicos e cambios de forma de vida que poden incidir no futuro, como o da mobilidade, e que os importantes investimentos terán beneficios máis tamén custes a futuro. Quen os pagará, cando e como?

    En todo caso o Governo debería clarificar cal é seu proxecto de desenvolvemento para os vindeiros anos, para alén dos enunciados bonitos. Que papel vai ter cada autonomía, cal será o marco no futuro das relacións laborais, pensións, servizos e prestacións sociais? Por exemplo: cando se vai derrogar a reforma laboral e Lei Mordaza, garantir que as pensións manteñan seu poder adquisitivo, etc?... Vai pasando o tempo e, máis alá das boas palabras, en algúns temas concretos xa están a saltar as alarmas, como no caso da modificación dos criterios para o pago do consumo eléctrico.

    Neste caso concreto, non parece correcto que como paso previo se bote sobre o consumidor a responsabilidade de abaratar ou non o recibo, cando o lóxico era que o primeiro cambio deixase en evidencia unha redución do custe, máxime tendo en consideración os grandes beneficios das empresas eléctricas. E, só despois, e tras un debate sobre o tema, contando coas organizacións de consumidores/as, sindicatos, empresarios,... realizar unha reforma a fondo respecto de actualizar os criterios para valorar o consumo eléctrico, e evitar os astronómicos lucros das empresas.

    Coa vía escollida os resultados dos primeiros recibos determinaran a aceptación ou non dos novos criterios de facturación. Tamén estará condicionado polo esforzo extra que implica lavar, cociñar e pasar o ferro a determinadas horas, ou non ter en conta que non é tan doado mudar as horas para xantar, algo que afecta a aquelas persoas que usen cociñas eléctricas. Ademais prexudica a determinadas labores, como a perruquerías, ou muxir as vacas... Por non falar da supresión da tarifa nocturna. O que non mudará é que o recibo da luz só sexa comprendido por unha ínfima minoría das persoas. E, para máis agravante, que este primeiro recibo será máis caro, seica por mor do prezo do gas, do aumento dos pagos por contaminación.... Tamén por unha manobra das empresas? Até o Governo pensa iso, vexase o requirimento de investigación a Competencia.

    Sen dúbida a cuestión da enerxía, tanto do custe como dos sistemas que se utilizan para xerala, son o debate de fondo pendente, como o reflicte a masiva mobilización do pasado 5 de xuño en Compostela, poñendo en cuestión a construción masiva de muíños eólicos na Galiza. Falta un debate sobre cales son as necesidades reais de produción, a rendibilidade neta que se obtén para o país da exportación, a necesidade de que o prezo teña en conta o transporte, mantemento, caída de potencia, e se un ben tan esencial, con carácter oligopolio, debería ser público, como solicitan algúns sindicatos, organizacións sociais e partidos galegos, e máis barato alí onde se produce (tarifa eléctrica galega). Un debate esencial que se debería dar axiña, máxime cando esta en cuestión o equilibrio entre o ser humano e a natureza, e a enerxía pode ser fonte de contaminación porén tamén un piar básico para o desenvolvemento, sempre que estea ao servizo da nación. En calquera caso, a vía axeitada para dar este debate, e facer cambios, non é a que se escolleu para a modificación da tarifa eléctrica.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    10 jun 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito