Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A resaca das eleccións en Madrid

    Tanto o CIS como algunhas enquisas, realizadas posteriormente ás eleccións en Madrid, destacan a caída na intención do voto do PSOE e UP, a subida do PP e o estancamento de VOX. O que amosaría que Pedro Sánchez caeu na trampa de Díaz Ayuso, axudando a converter a Madrid e á súa figura en alternativa ao confinamento e ao peche de actividades económicas que forman parte da vida social cotiá, como é o caso da hostaleira. Ademais, a crise da pandemia afectou de cheo á mocidade con emprego temporal, e que en certos casos non puido acceder aos ERTEs, e noutros sufriu atrasos no cobro destas prestacións dos ERTE e do IMV, ou non se lles concederon.

    É verdade que a proposta da dirixente do PP de Madrid, e as medidas tomadas, rebaixaban a protección das persoas fronte ao virus, especialmente ás que de maior idade ou con algún tipo de patoloxía, co desleixo que iso implica. E ademais fíxoo cun relato co que, con certo cinismo, quería amosar complicidade cos sectores da clase traballadora máis explotados polo sistema, mentres tiña garantido o apoio daqueles outros que por idade e condición social están menos expostos á pandemia e á crise económica. Mesmo así, non se pode dicir que o PP gañou nos municipios e barrios obreiros, xa co PSOE, Mas Madrid e UP, como bloque, foron a forza máis votada en moitos.

    O resultado de Madrid, mesmo que sexa unha situación moi especifica, sen dúbida vai incidir no conxunto do Estado Español (EE), aínda que en menor medida nas nacionalidades periféricas dado que teñen características sociais e políticas moi particulares. Lembremos que a capital do Estado é o maior centro urbano, cunha desproporcionada concentración de sedes das grandes empresas e dos medios de comunicación, por razóns políticas e fiscais. Agora ben, o resultado en principio afecta directamente a dous dos tres bloques políticos no Congreso, ou sexa, o da dereita e o de centro esquerda. O terceiro, conformado polas forzas soberanistas e locais, non estaría atinxido polos resultados de Madrid (nesta conxuntura), aínda que tamén lle afectarían os cambios que provocase.

    O recuar do PSOE en Madrid, e que fose superado por unha forza rexional, que lle disputa o discurso social demócrata dende o ecolóxico-feminismo (seica seu exemplo son os verdes alemáns que fan alianzas a esquerda e dereita), coloca nunha situación de debilidade ao Governo. Xa que debuxa un contexto que estreita a capacidade de manobra do PSOE, tanto polo viraxe á dereita do PP como pola desaparición de Ciudadanos, o que lle deixa como única opción chegar a acordos co soberanismo. É o peor escenario posíbel para Sánchez, que conta cun forte lobby centralista e neoliberal no partido, e ademais en principio non aposta por un estado federal, plurinacional (que pode ofrecer ao independentismo catalán para contar co seu apoio en determinados temas?...)

    Todo fai pensar que Pedro Sánchez fía o seu futuro ao control da pandemia coa vacinación masiva, para poder relaxar o confinamento, restándolle relato ao PP. Ao que suma a chegada dos fondos europeos, para dar pulo á economía e o emprego. Daquela as múltiples aparicións públicas do Presidente para anunciar o final de restricións e a realización de investimentos (por exemplo na “España valeira”). Tamén tomará medidas con impacto social, como a derrogación da reforma laboral e das pensións, da Lei Mordaza, e subir impostos ás grandes fortunas e sociedades,...?. Estará disposto a confrontar co gran capital e con Bruxelas? Pode e debería facelo. Aínda que a historia do PSOE non pasou por percorrer esta folla de ruta en intres máis doados, e sen tantas contradicións, desigualdade e precariedade. O que semella seguro é que: o PSOE manterase no Governo a toda costa.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    27 may 2021 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito