Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A sombra de ETA segue a ser alongada

    Estanse a celebrar os dez anos da declaración de ETA pola cal deixaba definitivamente a súa actividade armada. Unha efeméride á cal, dun xeito ou doutro, sumáronse os que participaron na negociación e solución do conflito. Non esquezamos que malia que foi o exercicio da democracia e dos seus instrumentos (acción policial e xudicial) quen derrotou á organización terrorista, o concurso de diversos axentes internacionais axudou a que a contorna política da organización armada aceptase as condicións para rematar coa violencia. E ante tal circunstancia, ETA non tivo máis saída que aceptar a súa derrota, maquillada coma renuncia de seu.

    Neste período cambiaron algunhas cousas. A máis evidente, para calquera que haxa estado no País Vasco e Navarro nese tempo, é a ausencia total de calquera manifestación de propaganda política relacionada coa banda e cos seus membros, máis alá do xenérico “Presoak etxera” que reivindica o acercamento dos presos a territorio vasco. Os sectores abertzales descubriron que sen comprometerse coa organización armada, puideron acadar maiores cotas de poder -xa que logo nos concellos- e, o que é mellor, vivir máis tranquilamente.

    Sería iluso pensar que dun día para outro os que antes animaban aos violentos pasarían a seren demócratas exemplares, perfectamente homologables cos constitucionalistas. Pero se deron pasos e máis que se darán. Incluso algúns pagaron con cadea malia os seus esforzos a prol da paz, como os procesados polo caso Bateragune -Arnaldo Otegi entre eles-, que só podían exercer desde o “outro lado”, a risco de seren condenados.

    Pero no País Vasco apenas ninguén xa fala de ETA. E de feito, os chamados “ongi etorri” en homenaxe aos excarcerados que non aceptaron a vía da reinserción, non deixan de seren unha especie de amortización que actúa nos promotores e participantes a maneira de conxura contra o sentimento de culpa por traizón.

    O paradoxo está en que quen máis segue a lembrar e citar a ETA é a dereita española. No acto conmemorativo celebrado no donostiarra palacio de Aiete -onde hai dez anos se cociñou o acordo de paz- estiveron o PNV, HB Bildu, Sortu, Elkarrekin IU-Podemos, PSE-EE, UGT, CCOO, ELA e LAB, amais de diversas autoridades e de moitos dos participantes hai dez anos. Ausencia total -nin sequera indirecta- dos partidos da dereita española, nin tan só dos que se chaman liberais, como PP ou Ciudadanos.

    Pero son estes ausentes os que seguen a ter en cadanseu dicionario de aldraxes o termo “filoetarra” para designar a EH-Bildu cando lexitimamente pactan co goberno de Pedro Sánchez. Son os que seguen a condicionar a actuación dalgunhas asociacións de vítimas, nalgúns casos presididas por persoas que, segundo o criterio do ministerio do Interior, non poderían ter a condición de tal. Unha actuación que máis que preocuparse porque a protección oficial sexa efectiva cara ás vítimas (o Estado nunca foi xeneroso nese senso), está orientada normalmente a discrepar dos gobernos socialistas.

    Unhas forzas políticas cuxa verborraxia contra ETA pretende agochar que o PP tamén negociou con ETA, “Movemento Vasco de Liberación” en palabras de José María Aznar. Quizais tal teima se pode deber a que non foron eles os que puideron erguer o puño para celebrar a vitoria contra os violentos. Unha vitoria sen vinganza, sen desquite, que permitiu que a esquerda abertzale fose normalizando a situación, sen rebrotes violentos, nin tan só na rúa.

    Porque participar das conmemoracións da paz impediría poder seguir a botar dardos contra o goberno socialista. Unha actitude irresponsable e desleal, condicionada por un cortopracismo estreito. Non pechar ese capítulo -superado pola sociedade- supón seguir a negar os esforzos duns e doutros, en España e fóra dela, para que a fin de ETA fose unha realidade. Para algúns, estes dez anos non pasaron e no seu imaxinario os encapuchados seguen a marcar a política.

    ¿Que aínda queda camiño por percorrer? Sen dúbida. A autocrítica da esquerda abertzale dista de ser completa e convincente pero -lonxe de querer comparalo- a autocrítica do Estado por algunhas actuacións inaceptables tamén está en espera.

    Joaquim Ventura

    21 oct 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito