Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A táctica do esgotamento

    Semella lóxico que a pandemia centre en gran medida a atención da sociedade polos seus custes en vidas humanas, e a crise que xeran as medidas preventivas en moitos sectores económicos, e noutros unha sobre carga de traballo. Agora ben, a esta crise producida pola pandemia sumase á difícil situación pola que están pasando importantes empresas galegas, e isto atinxe directa ou indirectamente a milleiros de traballadores e traballadoras. Nuns casos polo peche en falso, sen proxectos alternativos, por mor da transición enerxética (As Pontes e Meirama), outros por unha xestión deficiente (Maderas Iglesias e Theneisie Provote), noutros por razóns de estratexia empresarial, especulación, e falta de interese das administracións, que pode levar ao peche ou a despedimento da maior parte do cadro de persoal propio ou das contratas (Alcoa, Barreras, Navantia, Vulcano...). Son un exemplo, a lista é moito maior.

    Nestes casos a actitude da Xunta e do Governo central é moi semellante, escenifícase interese polo problema, por mor da presión dos afectados/as e a actitude social diante do tema, porén despois deixase pasar o tempo sen facer ren por salvar a empresa. Aplicase a táctica do esgotamento, de dilatar para canear os problemas, contando con que se esqueza en pouco tempo na memoria colectiva. Esta actitude é unha constante, coas variantes que aporta cada situación. Claro que non sempre é así, porque todo indica que depende do sector e lugar que afecta, véxanse as axudas á banca na crise de 2008, ou a nacionalización das autoestradas de Madrid. Mais semella non ser o caso do noso país, e se esta liña de actuación non muda, ao remate da pandemia, por causas inherentes ao sistema e á desidia tamén serán pechadas empresas estratéxicas que dinamizaban as comarcas onde estaban instaladas. Ás que haberá que sumar os sectores que saian moi golpeados polas limitacións na actividade polo covid-19.

    As limitacións sociais que impón a loita contra a pandemia, respecto da mobilidade e o distanciamento, implican impedimentos para a realización das mobilizacións polos operarios/as directamente afectados, e tamén na participación sindical. Polo tanto, isto incide para que se poda exercer a máxima presión sobre a Xunta de Galiza e o Governo central, para conseguir solucións xustas para cada caso. Daquela que a solución dependa, en maior medida que en situacións de “normalidade” da sensibilidade e do compromiso que as dúas administración teñan co país galego e coa clase traballadora; é dicir: con manter e modernizar o tecido produtivo e con preservar e xerar emprego de calidade.

    Estamos a vivir unha asociación de feitos e circunstancias perversas, porque os que queren salvar as empresas teñen limitadas a súa capacidade de incidir para alén dos centros de traballo e a comarca, e só poden por en práctica certas formas de loita, e aqueles que xestionan as administracións neste intre só ofertan boas palabras e escenifican reunións carentes de resultados, ou sexa, non están dispostos a a impoñer una saída que afecte os intereses do capital ou que poda ser albiscada deste xeito. E así nos vai, e non só respecto das empresas antes nomeadas. Cando menos tomemos nota, porque mañá pode ser o noso centro de traballo o afectado, e a sensibilidade destas institucións non ten porque ser distinta, máxime cando no esencial os feitos e os suxeitos políticos son os mesmos.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    19 nov 2020 / 00:51
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito