Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 26 enero 2021
18:10
h

A tenrura do neno pequeniño

    A tenrura do meniño reforza a fortaleza, o ánimo e, mesmo, a valentía daquela persoa que o coida, que lle dá de comer e que o lava, empezando polos pés, con moito coidado, entre os dedos, entre as pernas e na cabeza. Que o lava entre os dedos das mans e as mans todas elas, que lle lava a cabeza, as orellas, o pescozo e as lagañas. A tenrura dálle máis vida á vida da xente boa, esperta amorosidade e reclama cariño e dozura. Calquera é quen de acariñar a un bebé ou a un meniño. Calquera!

    Pola contra, milleiros de pais non poden abrazar aos seus fillos. A inxustiza, a fame e a miseria Impídenllelo con enorme dureza, ao mesmo tempo que constitúen un mundo desigual, parcelado e incomunicado, aínda nesta era das tecnoloxías, das comunicacións e de tanta riqueza.

    Se hai que cambiarlle o cueiro a unha vella ou a un vello, xa é outra cousa. Neste caso, queridos amigos, os coidadores non se invisten de fortaleza. Aquí cómpre un manto de tenrura coa mesma suavidade que a do algodón puro e limpo, con enorme cariño, coa mesma amorosidade e mesma dozura que a do neno, esquecéndose diso de que “á vellez varíolas” e sabendo que “canto maior, tanto amor e máis honor”. Díxoo Victor Hugo, con aquelo de que “o síntoma máis poderoso de amor é a tenrura case insuperable”, a que che agradece o amigo, a amiga, o familiar ou a quen coidas, que é a quen queres.

    E, vostedes que pensan? Confundi-dos, uns atendendo aos outros ou aos biosbardos e o mundo, descoidado e
    alterado, coas súas xentes desconcertadas mirando como o ceo se xunta co mar no horizonte. Un amigo que se dedica ás ciencias biomédicas di que o
    vagón vai descarrilado, que non estamos en tempos de andar con cocerellos, que cómpre claridade na expresión e
    seriedade, moita seriedade na investi-gación e tamén na divulgación, na
    Universidade, na sociedade, na xustiza, na administración e na actitude individual dos cidadáns.

    O mundo non é dos ricos, é de todos e ten que ser de todos por igual. Ten que respectar ás especies, ao medio, á vida e á morte. Non é dos políticos, digan o que queiran ou pensen o que pensen. Non, non é deles nin é noso, é dos máis ricos, dos máis pobres e dos outros. Na igualdade está a clave do benestar mundial, igualdade de xénero e igualdade de oportunidades. Igualdade no aceso á formación, á cultura e aos produtos necesarios. Aí está a igualdade, en sintonía e harmonía coa pluralidade e a diversidade de ideas. Aí está a tenrura do neno pequeniño e a que xera aquel maior ao que coidas, acariñas e aloumiñas.

    30 dic 2020 / 00:00
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito