Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A UE hipoteca seu futuro

    Practicamente todos os informes dos organismos internacionais, e dos bancos centrais, dan por feito que haberá un menor medre do PIB este ano do previsto, algo moi preocupante máxime cando aínda non se tiña recuperado aos niveis previos á pandemia do covid-19. Neste caso a crise económica, que se reflectirá no emprego, está alentada pola guerra entre Rusia e a Ucraína (+OTAN). Xa que que esta confrontación armada implica a destrución do aparello produtivo ucraíno, así como importantes gastos en armamento das partes comprometidas no conflito.

    Mais, sobre todo no plano económico están a incidir as sancións impostas polas potencias occidentais á Federación Rusa, que terminaron por afectar a toda a economía mundial, e moi especialmente á actividade produtiva e ao consumo da Unión Europea. Rusia non é só unha potencia militar e unha gasolineira, como afirman algúns analistas en plan reducionista, senón que ten un papel destacado na exportación de metais, cereais, fertilizantes, etc. e a Ucraína salienta tamén na produción de cereais, co que isto significa polo tanto non só respecto do prezo da enerxía senón tamén a materias primas esenciais e ao abastecemento alimenticio en moitos países.

    O último informe do Banco Mundial, do mes de abril, salienta: “esperase que os prezos da enerxía aumenten nun 50% en 2022, e baixen en 2023 e 2024. Así mesmo, prevese que os prezos non enerxéticos, incluídos os dos produtos agrícolas e os metais, “incrementaranse case un 20% en 2022 e tamén se moderarán nos anos seguintes”. Ademais destaca que a débeda pública nas economías en desenvolvemento está no nivel máis alto dos últimos 50 anos. Pola súa banda o FMI considera que o medre da economía en Europa será do 1,6% este ano, e no caso de Rusia -8,5% e da Ucraína -35%. Seica a zona euro pasará do 5,3% en 2021 ao 2,8% en 2022. Ademais indica o FMI que: “A guerra na Ucraína acelerará a inflación, que agora considerase que se manteña elevada máis tempo do esperado debido aos maiores custos das materias primas e presións máis altas sobre os prezos”.

    En poucas palabras, que a participación na guerra entre Rusia e a Ucraína, aínda que non sexa con tropas na liña de fronte, vaille saír moi cara á Unión Europea. Non só durante o tempo que dure o conflito, senón mesmo despois, porque a fenda aberta con Rusia semella non ter volta atrás, cando menos se temos en consideracións as declaracións da Comisión Europea e de moitos governos. E isto implica unha hipoteca para o futuro da Unión Europea, non só na procura de substitución de materias primas, enerxía, fertilizantes, etc. senón porque os custes serán en todo os casos maiores, e polo tanto terán unha repercusión no prezo final dos bens e servizos producidos, na competititvidade empresarial e no consumo. E este é un atranco difícil de solucionar tendo en consideración que esta problemática non afecta de igual maneira aos Estados Unidos, potencia que a UE segue acriticamente nas súas estratexias e tácticas,. Aínda que as potencias occidentais pretendan o contrario, este novo escenario aporta máis vantaxes sobre todo a China, así como á India, acelerando o proceso de avance ao multilateralismo, e trasladando a centralidade no ámbito económico e político ao Pacifico.

    Daquela o interese que debería ter a UE en buscar camiños para deter o conflito armado, reconstruír o entendemento con Rusia, e evitar o que o presidente de Bulgaria define como un erro histórico: ”a prolongación do conflito na Ucraína significa a autodestrución económica de Europa e diriximos nesta dirección. Tamén criticou a decisión do Parlamento de prestar axuda militar a Ucraína”. Ademais, por se non chegase, malia o aumento do custe de vida, o Governo español dáse por non aludido e vai gastar 37 millóns no Cumio da OTAN, e aumenta o orzamento militar nuns 7 mil millóns máis este ano. Son temas diversos mais ao relacionalos amosan que a dereita e o capital governa mesmo coa esquerda sistémica dirixindo as institucións. Daquela que Podemos só acelerase avances que o capital xa consideraba inevitábeis, e perdese moita, non toda, a combatividade verbal.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    11 may 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito