Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A vacina, un paso, mais non o soluciona todo

    Resulta evidente que a pandemia converteuse nun terreo preferente do debate político, se cadra era algo inevitábel dado como afecta o comportamento social, a economía e a acción de governo. Porén hai mensaxes que non axudan, nuns casos porque pecan dun optimismo esaxerado para evitar a critica social a medidas preventivas ineficaces ou á carencia de recursos. Noutros casos a oposición utiliza os custes da falta de experiencia previa e a carencia de medios sanitarios eficaces, como sería unha vacina, para dramatizar as eivas institucionais. Iso non implica que non existan responsabilidades políticas, que as hai, como evidencia a falta de recursos en atención primaria, ou o necesario debate sobre as residencias da terceira idade, ou deixar á povoación á marxe do debate estratéxico sobre o futuro do sistema económico e social.

    Polo tanto, aínda que sexa posíbel que para metade do ano que ven unha boa parte da povoación estea vacinada, semella moi aventurado que o Governo central non teña en conta posíbeis atrancos que podan demorar o vacinamento da povoación, que deberá ser masiva para ter unha eficacia xeral. É verdade que hai varias vacinas que xa están a punto de rematar a fase tres, e que a Gran Bretaña está preparando o sistema para comezar a vacinar seica en decembro e Italia para finais de xaneiro. Porén os especialistas seguen pedindo cautela porque ningunha vacina aínda foi aprobada pola OMS, e poden xurdir problemas de último momento, e non se sabe canto durará súa eficacia. Polo momento, á hora da concreción, o vacinamento entre xaneiro e marzo será só dos colectivos con máis risco, e non de todos/as as maiores de 65 anos, como afirmou Pedro Sánchez na súa primeira intervención. O máis correcto houbese sido que esta fose a mensaxe inicial.

    Cando fan declaracións non deberían esquecer o fracaso sanitario e económico que implicou condicionar a desescalada ao turismo de alén dos Perineos que ía vir no vran. Dos erros e atrancos tamén hai que aprender. Asemade, de se repetir as demoras ou eivas no proceso da administración da vacina, as consecuencias sanitarias e económicas serían unha catástrofe, sobre todo respecto dos efectos sobre o estado de animo da povoación. Semella que a transmisión de noticias dun optimismo cuestionábel ten como finalidade dar por feito que se poderán celebrar as festas de nadal e do fin de ano atendendo algunhas medidas preventivas, mini-valorando que unha mala desescalada pode implicar unha terceira onda máis dura que a actual.

    As valoracións erradas ou esaxeradas non axudan na reconstrución, aínda que teñan boa intención e fomenten o optimismo momentáneo, máxime tendo en consideración que a vacina non o soluciona todo. Concretamente, ren impide que apareza en pouco tempo un novo virus, xa que o equilibrio entre o ser humano e a natureza está roto. É verdade que partimos con tres vantaxes diante dun novo virus: un sistema sanitario máis forte para enfrontar o coroavirus; unha povoación que ten experiencia previa na resposta; e unha capacidade investigadora moi potente.

    Agora ben, lembremos que non están eliminadas as razóns que aceleran as pandemias, e levará tempo conseguilo, tanto por motivos de convencemento como prácticas. Refírome á estrema mobilidade (turismo, comercio internacional, etc), ao amoreamento urbano, a desfeita ecolóxica (clima, bosques, desertos, etc.), a presión demográfica e ao seu desequilibrio territorial. Son cuestións que exceden o ecolóxico reducido á cuestión da enerxía, e á dixitalización da economía, nas que se centran hoxe as receitas da Unión Europea, por poñer un exemplo.

    O razoábel sempre é marcar os obxectivos esenciais, co optimismo de que temos a capacidade para acadalos, e ao mesmo tempo preparar á povoación para o escenario máis negativo. Para que exista conciencia na sociedade de que logralo implica un esforzo colectivo en todo momento xa que hai situacións que non se controlan totalmente. Oxalá que se poda vacinar a toda a povoación en pouco tempo, e que esta posibilidade se faga realidade en todos os recunchos do mundo, por solidariedade e para evitar futuras novas expansións do virus. Sería un importante paso adiante. Aínda así, non se poden obviar as eivas no sanitario, ecolóxico, económico e social, que puxo de manifesto a pandemia, e que non van ser solucionadas pola vacina. Esta só dá máis tempo para poñer en práctica as medidas axeitadas.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    26 nov 2020 / 00:10
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito