Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A xustiza se non é rápida non é xustiza

    Teoricamente os cidadáns teríamos que vernos protexidos pola administración de xustiza. Cando alguén nos denuncia, cando padecemos un delito por parte de terceiros, cando vemos pisados os nosos dereitos colectivos; en todas estas ocasións temos que recorrer á administración de xustiza e temos que confiar nela. Hoxe en día (hai xa demasiado tempo) recorrer á administración de xustiza é un auténtico calvario.

    Temos que pasar meses, anos e décadas para que a xustiza xulgue e sentencie sobre calquera cousa que nos afecta. Como exemplo actual, o xuízo que acaba de comezar contra o que fora Alcalde do Carballiño e líder do PSOE galego, Pachi Vázquez.

    Vén agora de comezar este xuízo, dezaseis anos despois de que comezaran as dilixencias. Isto non é o que esperamos toda a cidadanía da administración de xustiza, pero é o que pasa. Lembremos o antigo Conselleiro de industria do goberno bipartito, Fernando Blanco; pasou anos tendo a espada de Damocles da xustiza sobre el, para finalmente non poder demostrarse nada na súa contra.

    Quen lle paga a este señor as graves consecuencias que tivo a nivel público e privado por ser investigado durante anos pola xustiza e saír o seu caso sen poder demostrarse nada contra el?

    Cando tardan dezaseis anos en xulgarte por calquera motivo, iso xa non é xustiza, penso eu.

    Non pode ser que os cidadáns non vexamos resoltos pola xustiza con celeridade tanto os casos contra nós, coma os que teñen que reparar delitos que se produciron contra nosa.

    Eu sempre digo que a xustiza non ten que ser inmediata, pero si rápida. Temos, os cidadáns, que ter tempo para preparar as nosas defensas diante de xuíces e tribunais; pero isto pódese facer entre doce e dezaoito meses. O resto, iso de pasarnos máis dunha década esperando un xuízo contra nós ou a favor noso, non é de recibo.

    Logo hai outras cousas que xa teño comentado sobre a xustiza. Unha é a existencia dun tribunal de excepción como é a Audiencia Nacional. Esta audiencia tería que desaparecer e os casos dos que esta entende pasar aos xulgados ordinarios. Non se entende que despois de tantos anos de teórica democracia no Estado español aínda exista un tribunal de excepción como é a Audiencia Nacional.

    A outra cousa que tamén quería tratar son os aforamentos e a conseguinte premisa de xulgar os aforados no Tribunal Supremo. Isto podería entendelo se só se producira con presuntos delitos cometidos baixo a súa actuación política; pero non con delitos comúns ou de corrupción.

    O Supremo non pode ser un refuxio legal onde se poidan amparar todas e todos os aforados que existen no Estado español. O dos tribunais superiores de xustiza nas comunidades autónomas respecto a xulgar os nosos representantes públicos autonómicos, máis do mesmo.

    A cidadanía tería que ver na xustiza algo no que confiaramos os nosos dereitos, algo que nos dera seguridade cando temos que acudir a ela.

    Cando pasar pola administración de xustiza se converte nun calvario, iso quere dicir que a xustiza non cumpre coas expectativas que a cidadanía teríamos que ter depositadas nela.

    29 nov 2020 / 00:10
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito