Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Acabaremos abochornados? Levamos camiño delo

    É de admirar a capacidade dos alemáns. Posuidores dunha lingua que a penas é falada por cen millóns de persoas manteñen unha difusión da súa literatura realmente significativa. Cen millóns de falantes, espallados polo mundo adiante, poñamos cen millóns e pico, pero non moito pico, non son cen millóns de lectores. Porén os escritores alemáns son tan coñecidos e divulgados coma os que máis poidan selo pertencendo á cultura de fala inglesa, da chinesa, tamén da francesa pero non tanto da de falas española ou portuguesa malia os varios centos de millóns de seres que falan estas dúas e tan nosas.

    Cando eu andei no machiño, ou sexa, cando me metín en política a fondo e me fixeron conselleiro, intentei desenvolver ó respecto unha política copiada da alemá, na medida do posible, pero non fun quen. Intentar intenteino, abofé que si. Daquela e non so por iso, o Siro López que aínda non devira no espléndido articulista no que hoxe se converteu, debuxábame co lombo ardendo. Xa pasou, pero acabo de recordar estes extremos lendo a Siegfried Unseld.

    Siegfried Unseld, que debeu morrer haberá uns vinte anos, foi o mítico director literario de Suhrkamp, a editora alemá responsable (se non me equivoco moito) do recoñecemento mundial de autores como Max Frich, Thomas Bernhard ou Peter Handke, entre outros e por non darlle máis nomes que, ós máis xoves dos dubidosos lectores deste meus faldóns, pouco lles dirán xa malia que non empecen nada do que lles digo.

    E que escribiu Siegfried Unseld? Pois o que moi gustosamente lles reproduzo de contado: “O prestixio dunha editorial literaria determínano o rango dos seus autores, as influenzas e distincións destes, o grao de interés que susciten os seus libros e mailas consecuencias que teñan”.

    Stephen Vizinczey, o escritor húngaro cuxo maior mérito literario acaso resida no feito de escribir nunha lingua que non é a súa, faino en inglés e así lle vai, afirma pola súa conta que se lle antolla evidente que “si os editores de tódolos países acordaran non publicar máis de cen novelas ó ano, tanto os libros como a crítica literaria serían do nivel máis elevado e perderíanse menos libros bos”. Que lles parece?

    A min, se me permiten dicilo moi pouco academicamente, o dito por este escritor húngaro que utiliza o inglés antolláseme unha carallada. Que queren que lles diga? Unha humanidade enteira lendo cada ano as mesmas cen novelas, determinadas coma boas por unha mentalidade que hoxe estará ben considerada nuns circos mediáticos coma algúns dos que disfrutamos por eiquí, polo sur de Europa, paréceme un disparate de magnitude tal que me vou evitar cualificalo. Entre a boutade húngara e a sentenza de Siegfried Unseld quédome sen dubidalo nada coa do alemán. Estarán a tela en conta moitas editoriais nosas?

    Se un cotexa o número de novelas editadas por algunhas das nosas editoriais máis significativas, observa o rango dos seus autores, as influenzas e distincións coas que contan, o grao de interés que suscitan os seus libros e mailas consecuencias derivadas da súa edición poderá decatarse, sen moito esforzo, que esas editoriais están facendo boa a boutade de Vizinczey.

    Tendo como temos os galegos unha espléndida literatura, cantos dos nosos grandes autores son reeditados nestes últimos anos? Comparado o número obtido en resposta a tal pregunta, ha ser doado compulsar o número de autores dun só libro, que pasou sen deixar a penas pouso, e responderse a todas as preguntas que se deriven delo.

    Quizais haxa que revisar, eu non fun quen de conseguilo, mea culpa, e iso que o intentei, conste, a política de subvencións porque sospeito que moito non debeu ter variado ó longo destes corenta anos transcorridos ó longo dos que se teñen deixado, intocados, seiscentos mil libros, nunha ocasión, e dous millóns e medio deles, noutra, cando menos que eu saiba, sen que delo se teñan derivado nin a máis mínima consecuencia, nin a máis mínima sorpresa o escandaleira.

    Que fixemos coa grandeza legada pola Xeneración Nós? Que daquela súa apertura ó mundo circundante? Mesmo a nosa editorial máis de referencia non se asemella en moito ós ideais e máis ós principios que lle imbuíron os seus fundadores. Non sei se estamos ou non en guerra, pero como diría Antón Reixa convén reflexionar. A nosa realidade máis amadas estase a se nos esluír entre os dedos coma se fora auga fresca desa tan necesaria nos días de bochorno. Non sei se acabaremos abochornados, pero levar levamos camiño delo.

    10 jun 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito