Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Adaptación

    É inxenuo perguntar cando acabará o período histórico de se adaptar? Se ollo un pouco cara atrás vimos desaparecer da paisaxe as vacas rubias reemprazadas polas frisoas. Seguiron os porcos, as galiñas e até os cans de garda (cambiaron as razas). Despois, desapareceron os soutos para deixaren paso ao eucalipto de forma masiva.

    Os ríos alumaron encoros como se os levasen no seu seo, e as costas albergaron chalés (ou torres) para os turistas onde antano vivían mariñeiros e fábricas de conserva. Pasamos de consumir produtos alimenticios de produción propria e de proximidade a mercar calquer cousa de calquer lugar do mundo. E, no presente, até para tarificar a electricidade dise que hai que pedir permiso a Europa.

    A propaganda política ao uso escúdase nesa fácil fórmula de ollar a Bruxelas. Nen é así nen ten por que ser. A UE é un clube de pertenza voluntaria e hai moitas formas de exercer a membresía. Proba diso é que o resultado da mesma política obtén resultados distintos segundo os distintos estados. Isto non só é achacábel á estrutura económica dos distintos membros, senón que as mesmas normas foron aplicadas con outro degrau de libre disposición.

    Asemade, o elemento temporal xoga tamén o seu papel. Non é igual aplicar unha medida de política económica cunha pauta de aceleración lenta que facer a mesma acción inmediatamente. Así, por exemplo, a descarbonización pode ser unha realidade en 10 anos e ser asimilábel, economicamente falando, ou pode ser traumática, feita en dous anos.

    Necesitamos pensar que tamén é posíbel que algunha vez empezará o momento en que, sen necesidade de se adaptar, comecemos a viver en función do noso deseño: do modo de vida, da lexislación propria, da ordenación do territorio, do tipo de bens de consumo, do modo de
    consumir os bens de consumo, mesmo do modo de non consumir o que se decide na UE –por exemplo– e, finalmente, que poidamos decidir o que queremos producir para despois consumir ou vender, sen regalar, os sobrantes da produción.

    É tanto tempo vivido adaptándose que xa parece non só normal senón desexábel que alguén deseñe os nosos plans de vida, e nós, como membros dóciles dun gran rabaño, imos seguindo, ben guiados, o camiño que alguén (??) marca. Se a UE é un clube de adhesión voluntaria, éo tamén para o exercicio consciente e proposital do legado político que os cidadáns depositan nos gobernantes, mais se os gobernantes fan case todo en función dunha vida de adaptación, onde fica o poder?

    Cal é a capacidade de decidir sobre as cousas fundamentais da vida: que producir, como producir, que consumir, como consumir, como traballar, como pasar o tempo de lecer, como viver, en fin. Realmente ter poder –aínda só un chisco de poder– é a capacidade para non se ter que adaptar, e levamos tanto tempo sen ese exercicio que xa é un descoñecido.

    Entendemos que gobernar tamén debe ser un saudábel exercicio de boas prácticas nas que o diálogo cos gobernados e cos socios comunitarios de maior potestade constitúa o modo de conduta habitual.

    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.