Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Adues ao “Noi del Poble Sec”

    Cada quen adoita ter unhas músicas que acompañaron a súa mocidade e, con sorte, boa parte da súa vida. Pero hai artistas que tiveron o privilexio de acompañar as vidas de persoas de diversas xeracións, de diversas terras e incluso de ideoloxías distintas. Un destes afortunados é Joan Manuel Serrat, o cantautor catalán que nestes días está a rematar en Madrid e Barcelona a súa xira de despedida dos escenarios en portas de chegar aos oitenta anos de vida.

    Se a memoria non me falla, a primeira vez que vin actuar en directo a Serrat foi no xa desaparecido Parque de Atraccións de Montjuïc unha noite de verán nos primeiros setenta. Lembro que fun co meu irmán Jordi, animados polo no noso curmán Juan José Bravo, que é da miña idade. Daquela, os dous Ventura eramos máis da música folk e de cantantes como Raimon ou Lluís Llach, “El vent” ou “El bandoler” en definitiva. Con todo, tamén tiñamos no noso zurrón musical cancións do Noi del Poble Sec, nin que fosen pezas intraxeneracionais como "Paraules d’amor” ou “Ara que tinc vint anys”.

    Cos anos, e xa desde a autonomía persoal, fun adquirindo ou chegaron a min discos de Serrat concretos, como o de Antonio Machado ou Mediterráneo. Xa coa aparición, anos despois, dos discos compactos, xa encetado o noso século adquirín a súa discografía completa nunha colección. Dalgún xeito, recuperaba obras que por diversas razóns non adquirira antes e podía substituír algúns vinilos perdidos por desgaste ou separación matrimonial. Entre eles, quero salientar o que foi o segundo LP de Serrat, Cançons tradicionals, que marcou unha recuperación de moitas pezas populares catalás (maxistral a súa versión d’ “El testament d’Amèlia”), en paralelo á tarefa que desde outros presupostos máis rompedores facía o Grup de Folk e os colectivos que o formaban.

    Se situamos os principais cantantes en catalán (a obra serratiana nesta lingua non é anecdótica), podemos considerar que Serrat e Raimon viñan do mundo dos perdedores da guerra, mentres que Llach –que sempre levou a bandeira do independentismo- medrou nunha familia que daquela tiña certo vento a favor. Os pais dos dous primeiros foron obreiros afiliados á CNT, con serios problemas de represión e de traballo.

    Desde os seus inicios, Serrat soubo interpretar a súa realidade familiar e social. Xa coa canción “El meu carrer”, onde retrataba as xentes que habitaban o seu barrio, xentes chegadas de mil partes, como a súa propia nai, escapada de Aragón nos anos da guerra, circunstancia que Serrat lembraba ben axiña na súa “Cançó de bressol” que comezaba cuns versos en castelán que ela lle cantaba de neno.

    Un ambiente, o das miserias duns barrios obreiros nos anos do franquismo, especialmente nos primeiros, que lembrou de novo en 1980 coa canción “Temps era temps”: a represión sexual no veciño Barrio Chino, a primeira presenza da VI Flota americana en Barcelona, a evasión popular do Barça que Kubala lideraba ou as cartas radiofónicas da señoras Francis,

    Pero Serrat –e niso seguen a trabucarse os que pensan que o bilingüismo social é outra cousa- vindicou a súa condición mestiza desde a catalanidade popular máis insubornable. A súa lingua poética, sen os alardes dos mandaríns vixiantes das esencias, e dunha perfección rigorosa, unha mestría de rima que saía do corazón e do traballo, sen formación literaria previa.

    Unha mestizaxe que ben axiña converxeu cun case coetáneo seu, nacido ao outro lado do Paralelo, tamén de esquerdas e apaixonado do fútbol e do Barça: Manuel Vázquez Montalbán. Ambos mantiveron unha profunda amizade e representaron, coma poucos, esa nova Barcelona que emerxera xa uns anos antes da guerra coa chegada de galegos, aragoneses, murcianos ou andaluces. Unha cidade –e a súa contorna- que aínda podía integrar os novos mozos na lingua propia da terra malia a súa ausencia forzosa no sistema escolar e na comunicación social.

    E de igual xeito que sucedía co pai de Pepe Carvalho, Serrat bebeu nas fontes da cultura popular e na educación sentimental que tiveron: a copla, os cines de barrio, as verbenas de San Xoán, a cociña de nais e aboas, tabernas. Unha Barcelona que foi liquidada pola febre olímpica, liderada polos propios políticos nos que un e outro se reflectían.

    16 dic 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito