Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Aínda aparecen diarios da guerra

Publícase o dietario de Manuel Reventós Bordoy

    Pode parecer sorprendente pero oitenta anos longos despois do remate da nosa guerra incivil aínda aparecen textos memorialísticos inéditos. Se hai uns dous anos apareceron fotografías de Antoni Campañà (expostas no MNAC ata comezos de xullo), agora saíu do prelo Diari de la guerra i Barcelona viscuda, de Manuel Reventós Bordoy (L’Avenç). Comeza tres meses despois da sublevación, cando a guerra xa era unha realidade, e remata a comezos de xaneiro de 1939, cando a sorte de Cataluña coma territorio republicano xa estaba botada.

    Redactou ambos dous textos -como el mesmo recoñecía no segundo, unhas lembranzas da Barcelona e dos persoeiros que coñecera- durante as súas horas de traballo ocioso no banco Crédito y Docks. Gardados os cadernos durante anos polos seus fillos -un deles, o dirixente socialista Joan Reventós-, foron as súas netas as que decidiron que saísen á luz, cousa que agora foi posible con edición anotada de Josep M. Muñoz e introducción de Borja de Riquer.

    Non se trata duns textos dun persoeiro secundario senón duns principais economistas cataláns e españois do momento, cunha sólida formación académica e humanística. Reventós foi un pensador avanzado no ámbito da historia da Economía e, nese senso, foi o primeiro autor dunha análise histórica sobre a realidade da clase obreira catalá.

    Nacido en Barcelona en 1888 (morreu en 1943), foi militante de Acció Catalana Republicana, partido fundado en 1931 a partir de Acció Catalana, escisión das mocidades da Lliga nos anos vinte, que non quixo participar nunha coalición con ERC nas eleccións municipais de abril. No primeiro goberno da II República participou coma director xeral de Comercio ás ordes do seu amigo Lluís Nicolau d’Olwer cando foi ministro de Economía.

    Era home profundamente catalanista pero asemade defensor sen condicións dos valores cívicos, laicos (malia a súa condición de católico) e republicanos por riba de todo. Non sentía especial empatía polos españois pero sen manifestar ningunha pretendida superioridade: simplemente criticáballes a súa falla de vontade democrática naqueles anos e unha suposta complicación de pensamento. Unha opinión que aplicaba tanto aos militares sublevados como á actuación do goberno republicano. Poucos saían indemnes da súa opinión, Manuel Azaña entre eles, con quen tivo algunha xuntanza cando residiu en Barcelona.

    Home atento á política internacional malia as dificultades que a contenda impuña, estaba moi ben informado por radios e xornais estranxeiros da situación política internacional e dos movementos de diversos países -especialmente Reino Unido e Italia- verbo da guerra española. Son moitas as referencias que neste senso aparecen no seu diario de guerra, no que non agocha algunhas críticas aos británicos e a súa máis absoluta oposición ao réxime de Mussolini.

    A situación de Manuel Reventós era única por difícil porque pouca marxe quedaba para aqueles que aspiraban a unha política liberal e democrática, ben afastada dos extremos e da ignorancia dos fanáticos. Aplicaba as súas críticas en función do momento e así, nos primeiros momentos do conflito, censuraba que a coartada para non frear a revolución desbocada era a presencia de incontrolados, preguntándose daquela quen controlaba aos controladores. Unha crítica que facía extensiva á política económica promovida por Josep Tarradellas e pola debilidade de Lluís Companys, a quen se refería sempre con formas estranxeiras polo seu alcume de “paxariño”.

    Non agocha no seu relato os diversos actos de corrupción de supostos revolucionarios, con furtos nas casas rexistradas, extorsións para evitar detencións ou a fuxida con cartos dun xefe do SIM, cando os comunistas impuxeran a súa hexemonía a partir dos Feitos de Maio de 1937. Uns tempos coa rutina dos bombardeos, da represión policial e xudicial, das colas para conseguir os poucos alimentos que chegaban aos comercios.

    Unhas opinións que se ben podemos considerar parciais se temos en conta a súa forma de pensar -como tantas outras dunha imposible “terceira vía”-, a lectura deste diario pode supoñer unha vacina para calquera interpretación maniqueísta daqueles feitos e sucesos.

    Joaquim Ventura

    11 jun 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito