Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 11 julio 2020
11:26
h

Algo se bota de menos

    cando nunha sociedade se quere compartir só aquilo no que coinciden todos, pérdese un montón de material que é de desfeito. Isto acontece a miúdo entre nós. Así, cando un goberno tradicional busca acordos con outros, sempre cede no alusivo ás realidades inmateriais, relixiosas, pois a xente piadosa é sensata e non opta polos desatinos. Mesmo no Ensino Civil Superior, incluso se o xerarca é cristián practicante, non por iso será condescendente co ámbito da fe e das Institucións relixiosas.

    Hoxe, na fase 1 deste Covid- 19, permítense moitas cousas prohibidas na fase 0; pero os que gobernan non se esquecen de poñer limitacións á práctica da fe cristiá. Antes, na fase 0, non se prohibía ir ás igrexas, pero non che deixaban saír de casa para ese cometido. Podía un saír mercar tabaco, sacar cartos do banco, ir ao “súper” ou a outros comercios abertos...; pero non había documento que permitira saír para ir á igrexa. E, sendo crente a maioría da nosa poboación, por que non deixar ir pedirlle a San Roque ou a Santa Rita que intentaran conseguir do Señor o cese da pandemia?

    Na cuestión do culto público, deixouse á xente piadosa sen poder ir comulgar. Neste eido, os mesmos Bispos, por quereren dialogar e que non os tacharan de pouco sensatos, non serviron de axuda. Certo que foron dos primeiros en promover que Cáritas alixeirara a necesidade económica de tanta xente. Iso si; pero mesmo valorando a escoita da palabra de Deus pola televisión non promoveron a comuñón eucarística. Non podo menos que lembrar aqueles mártires do século IV, que dixeron que “sen a Eucaristía non podemos vivir”, equivalente hoxe a: “a Misa por TV, pouco alimenta...”.

    Mesmo agora, pódese ir pola rúa sen careta; pero o Boletín Oficial do Estado (BOE) do día 9 do mes en que estamos, manda levala posta se queres ir á igrexa... O número de asistentes limítase a 1/3 da cabida, coa distancia de seguridade prescrita, que curas e leigos adoitan cumprir.

    A miúdo fálase na radio e na TV de enfermeiras, médicos, comerciantes, labradores, como os mártires da nosa terra; pero non é doado escoitar algo semellante dos curas, relixiosos, voluntarios de Cáritas..., de tanta xente que ora, e que, pola súa fe, entregaron a vida pola achega agarimosa ao enfermo e por lle ofrecer o Corpo de Cristo, preparando así ó doente para o encontro con Deus na outra vida.

    Houbo e hai monxas e curas contaxiados e mesmo mortos prematuramente, como hai enfermeiras, celadores e médicos, vítimas da pandemia, por se daren aos demais. Pero o dos relixiosos non se di, como se silencia o labor de Cáritas, que multiplica as súas atencións aos mais febles e abandonados, co diñeiro, na súa maior parte, de familias cristiás.

    Algo se bota de menos, e algo cómpre promover na “nova normalidade”: que sexamos amigos dos compañeiros de traballo, mesmo se teñen menos categoría; que nos privemos dos manxares para axudar a quen pasa fame; e pensemos que a xente de Asia, de África e da América Latina teñen o mesmo dereito ca nós a vivir con certa folgura. Eu deséxolle a todos que, dispoñendo da comida que Deus nos da, o amemos a Él e a todos os que pasan estreiteces para vivir, aqueles aos que Cristo chama seus irmáns.

    20 may 2020 / 21:24
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.