Santiago
+15° C
Actualizado
miércoles, 25 mayo 2022
14:23
h

Amigos para sempre

    CANDO ao saír do traballo cruzo o paso cebra que hai diante do edificio da Xunta en San Caetano, sempre me acordo de Luis; pois sempre que quedábamos para almorzar recollíame alá. Adoitabamos vernos con frecuencia e elixíamos o sitio onde ir sobre a marcha. Fora onde fora, ao chegar sempre saudábao alguén, pois era unha persoa con moitos amigos.

    O pasamento de Luis Caramés colleunos a todos desprevidos, pois seguía tan activo como sempre. Ao contar por whatsap as miñas irmás o sucedido, contestáronme dende Sabadell dándome ánimos –con mensaxes de voz incluídas– porque notaron que estaba tocado.

    Ao día seguinte en que foi hospitalizado, tiñamos quedado en Bertamiráns para achegarnos un rato a Bastavales e despois tomar un viño. Como non apareceu e non contestaba o móbil, pensei que se tiña esquecido; pero por desgraza non foi por iso, decatándome do sucedido o día seguinte.

    Luis era unha persoa cunha gran cultura e falaba de todo tipo de temas, non só de economía, dun xeito que che sorprendía. Sempre con ideas propias, moi suxerintes. A máis tiña contacto directo con moitas das persoas que participan activamente nos eidos económico, social e político.

    Non era un profesor ao uso. O seu saber, nada teórico, sempre estivo conectado á acción, liderando proxectos como o Colmeiro, seminarios relacionados con Mercosur que tiñan lugar un ano aquí e outro alá; e asesorando administracións, empresas e fundacións. Os foros nos que participaba son incontables.

    Nos seus últimos anos na USC xantaba no comedor da facultade cos seus alumnos, en pequenos grupos, para que puideran preguntarlle o que lles interesara e axudarlles a conectar o que aprendían co mundo real.

    Unha das veces que veu a casa, pediume usar o ordenador, pois tiña pendente de escribir o seu artigo semanal a EL CORREO GALLEGO. Quedei asombrado ao ver como en moi pouco tempo tíñao xa enviado.

    Luis era unha persoa positiva e amena. Creaba un ambiente familiar na súa contorna, xa fora dando unha conferencia, no monte ou ao coincidir na rúa. Cando alguén pedíalle axuda, implicábase sempre. Como cando díxome se podía poñer en contacto con algunha entidade social a unha persoa que estaba nunha situación moi complicada, a quen non coñecía pero pasáronlle o seu email; e preguntaba como ía o tema.

    Durante o COVID intercambiamos whatsaps. Nun deles, conteille que ese día os veciños cantaron unha charanga e a canción Amigos para sempre. Luis deixou unha chea de amigos en todas partes. Para os que tivemos a sorte de gozar da súa amizade, esta non desaparecerá nunca. Nin a morea de cousas que aprendemos del, que levaremos sempre connosco e fan o ceo máis grande.

    26 jun 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito