Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

“Ámoo pero... non abonda”

    ANTES de pechar febreiro cos seus vinte e oito, celebramos o domingo pasado o Día da Lingua Materna, co obxectivo de promover o plurilingüismo e a diversidade cultural, e o mércores, o 184 aniversario do nacemento de Rosalía. As dúas celebracións cobran un sentido especial pola crise sanitaria, porque vivimos nun momento en que a sociedade aspira a un plurilingüismo a miúdo “mal entendido”, pois significa “máis linguas” non “menos”, e porque son moitas as familias que decidiron falarlles aos seus bebés nunha lingua distinta daquela coa que os arrolaron a eles ou aos seus pais: “Ora meu meniño ora, quen vos ha de dar a teta? Si túa nai vai no muíño e teu pai na leña seca?”; distinta daquela coa que os aloumiñaron: “Meu ruliño, bonitiño, miña xoia...”; e distinta daquela na que namoraron, xogaron e brincaron: “As donas van ao paso...; xoaniña voa voa ...“.

    Para estes nenos e nenas, a “lingua da memoria” da que fala Freixanes nun fermoso artigo que se pode ler na páxina web da RAG, xa non é nin será o galego; de feito, eses meniños non senten vencello emocional ningún con el nin o sentirán ata que sexan conscientes e se cuestionen –ou non– que é o que ocorre con nós para que renunciemos desta maneira a un dos bens máis prezados que herdamos como sociedade. Imaxina alguén a ingleses, franceses, rusos... desprezando e substituíndo o seu idioma por outro con máis prestixio?

    E coa lingua da memoria, do corazón e sempre viva, moitos alumnos e alumnas saborearon caldo no menú escolar sumándose así á iniciativa do “caldo de gloria” proposta desde a Casa Museo de Rosalía. Os demais, este ano COVID tampouco puidemos ir tomar uns viños acompañados dunha tapa de caldo pero si facelo na casiña. E xa con corpo e espírito ben mantidos polo caldo e a poesía, estamos listos para coñecer e afondar na vida e obra de Xela Arias –protagonista do Día das Letras Galegas deste ano– nacida o 4 de marzo; unha muller que si entendeu o significado de ter como lingua materna o galego e o de “plurilingüismo”, pois ademais de crear tamén traduciu a esta lingua obras en inglés, francés, castelán, portugués, italiano e neerlandés.

    En definitiva, se queremos unha lingua con futuro, á parte doutras consideracións, non podemos eludir a nosa responsabilidade individual como falantes. Non abonda con amar o galego nin con aprendelo, ensinalo ou entendelo. Hai que usalo, falalo e, por riba de todo, transmitírllelo aos fillos e fillas nun mundo multilingüe onde tamén ten cabida o idioma dos nosos devanceiros.

    02 mar 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.