Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Ao valorar hai que sumalo e restalo todo

    Ata que punto a nova remesa de dez mil millóns de euros dos fondos europeos condicionaron o pacto laboral entre a patronal, CCOO e UGT, e o Governo central, tendo en consideración que os partidos do Executivo e a oposición ligaron ambos feitos nas intervencións respecto da aprobación do Decreto Lei. Todo indica que foi en gran medida, xa que é a única xustificación para que o PSOE, e especialmente UP, pasasen de defender a derrogación da reforma laboral de 2012, a realizar unhas limitadas melloras no referente: á ultra-actividade, a temporalidade nos contratos, e que prevalezan os salarios de sector estatal sobre o de empresa cando son máis altos, así como do convenio da principal coas terciarizadas.

    Desbótanse cambios esenciais, como que prevaleza en todos os aspectos o convenio máis favorábel para o traballador/ra, que en moitas máis oportunidades é o de sector provincial ou autonómico (que ademais son nos que existe maior participación e non nos estatais). Rexeitase tamén o pago dos salarios de tramitación dos despedimentos, e recuperar a contías e límites máximos das indemnizacións anteriores ás contra-reformas laborais de Zapatero e Rajoy. Ademais mantéñense privilexios para a patronal tan regresivos como o descolgue dos convenios por razóns discutíbeis e as modificacións arbitrarias de ata un dez por cento da xornada, e que as direccións das empresas realicen os EREs sen a aprobación previa das institucións públicas competentes, etc.

    En resumo, mantéñense os criterios básicos dunhas relacións laborais neoliberais ao servizo da patronal, e moi especialmente das corporacións. Polo tanto é lóxico que numerosos partidos políticos, non casualmente da periferia, optasen por votar negativamente ao Decreto Lei, como é o caso de BNG, PNV, Bildu, ERC, Xunts, CUP. Máxime cando este texto tramitouse no Parlamento como decreto e non como lei, o que daría a oportunidade de debater propostas e realizar reformas no documento. Por se non abondase nas limitacións democráticas, na “Comisión Social”, na que se pactou a reforma laboral, excluíronse sindicatos máis representativos como a CIG e ELA-STV, o que non semella que fose un esquecemento casual.

    É verdade que hai algúns aspectos positivos no texto aprobado, porén non son comparábeis aos negativos que se consolidan, e que afectan ao conxunto da clase traballadora. Dise que estes aspectos regresivos pódense modificar en futuras reformas laborais, esquecendo que este pacto deixa un sedimento moi negativo no imaxinario colectivo do movemento obreiro, xa que se fixo co aval das centrais sindicais sistémicas e do Governo “progresista”, e contou co apoio de UP que facía da derrogación unha bandeira. Ademais realizouse sen participación da clase traballadora, coa mínima información respecto das posturas na mesa negociadora, e polo tanto refugando a presión social, cando a económica estivo presente en todo momento en beneficio dos intereses da patronal.

    Este pacto social deixa hipotecas para a clase traballadora, tanto no seu contido, como en relación coa mobilización, a participación e protagonismo, e as alianzas posíbeis, para poder acadar unhas relacións laborais equitativas no futuro inmediato e avanzar na xustiza social. Estes aspectos tamén hai que telos en consideración, máxime cando hai quen o xustifica todo con algúns avances, sen restar a esta suma os aspectos que se podían mellorar mobilizando á clase traballadora e contado coas forzas á esquerda do Executivo, e moi especialmente aquelas do soberanismo vasco, catalán e galego. Na balanza hai que colocalo todo, tanto no referente aos contidos, como ás ensinanzas, ao estado de animo e o nivel de conciencia que deixa este pacto social e o proceso.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    09 feb 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito