Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Apágase a luz de Afganistán

    NUN MUNDO dominado pola globalización e cando unha noticia se coñece nos antípodas en horas, algúns de nós, “pasmóns peatóns con opinión”, estamos tan pouco informados da verdadeira realidade internacional, que espertamos un día e descubrimos con sorpresa que os talibán xa entraran en Cabul e que os líderes políticos, o presidente e as tropas gobernamentais fuxiran do país a fume de carozo abandonando habitantes, armas e equipos.

    Vinte anos de guerra, desde os ataques do 11S do 2001, liderados polos Estados Unidos que non serviron para nada. Os americanos e os seus aliados –España incluída– deixan o país e os afgáns, sobre todo as afgás, á súa sorte. O intento por democratizar o territorio deveu nun aténtico fracaso e as escenas que vimos nos medios reflicten unha marea de persoas intentando saír do inferno no medio do pánico, do terror, da violencia e do caos. O prazo para que as tropas estranxeiras se retiren de Afganistán é o 31 de agosto. É dicir, o tempo para evacuar civís acabou. Non fai falta ser un entendido na materia para afirmar que a planificación da retirada foi un auténtico desastre. É máis, existiu tal planificación? Pero se os nosos líderes europeos nin sequera saben que facer cos refuxiados!!

    Países como China, Rusia e Irán moven ficha. A situación xeopolítica e xeoestratéxica varía; a democracia sae debilitada. O panorama internacional será outro. Apagarase definitivamente a luz informativa e, por suposto, a cultural e os dereitos humanos empezando, claro está, polos das mulleres e nenas, as grandes vítimas desta traxedia, e continuando polos de calquera voz disidente sobre todo, políticas e intelectuais. Axexaremos Afganistán a través dun burka como o farán as mulleres encarceradas, reprimidas, sen esperanzas e traizoadas por todos nós.

    Como vimos coa destrución dos milenarios Budas de Bamiyán, que mesmo sobreviviran a Gengis Khan; con moitas das obras de arte do Museo Nacional de Afganistán ou coas escolas para nenas, asistimos tamén á destrución da cultura e da educación, como xa aconteceu noutros momentos da historia. Aínda que non son comparables, pois neste caso a represión das mulleres é brutal, lembro a destrución da biblioteca de Alexandría ou a de Saraxevo. Todos os tiranos coñecen moi ben que estas son dúas das armas máis poderosas para conseguir cidadáns e cidadás en condicións de igualdade, formados, críticos e sobre todo, libres. Democracia, educación, mulleres, cultura, liberdade... A luz en Afganistán, morre.

    29 ago 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.