Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Aprender a ler e escribir

    Por razóns familiares sempre estiven preto da escolarización. A miña nai foi mestra de xordos e dúas das tres mulleres que tiven por parella fórono de ensino infantil. E con estas, sempre houbo debates verbo da aprendizaxe da lectoescritura e da oportunidade de como e cando encetala.

    Por iso interesoume coñecer o traballo de Víctor Cerrudo Higelmo Manual práctico para enseñar a leer y escribir (Toromítico). Sen profundar pola miña parte en ningunha teoría sobre a materia, algunhas das miñas intuicións están reflectidas neste traballo. O seu autor, titor veterano en ensino infantil público en Madrid, presenta diversas reflexións a partir da súa experiencia docente, que agora propón aos seus colegas.

    Crítico, de entrada, cos vaivéns que a política e as administracións exercen sobre os modelos educativos, esixe en primeiro lugar un dobre compromiso co ensino, tanto orzamentario coma de competencia, en tanto en canto os dirixentes políticos (conselleiros autonómicos) as máis das veces non proceden de tal ámbito. A iso engade a diversidade e pouca adecuación dos planos de estudo (a non inclusión da etapa infantil no ensino obrigatorio) e a diverxencia entre lexislación e criterios de aprendizaxe.

    Tamén sinala, como risco xeral, a agresividade do ensino privado en canto á súa publicidade, a oferta dun ciclo integral 0-18 anos, unha precocidade lectora e xerar a falsa percepción de que o ensino público é un reduto de alumnos de familias inmigrantes. Elementos contra os cales a escola pública quixo xogar as súas cartas, moitas veces por imitación.

    Xa entrado en materia, a primeira discrepancia de Cerrudo Higelmo é a da precocidade en lectoescritura na etapa infantil, que el prefire preterir ata o comezo do ensino primario. E basea tal proposta en que ata esta etapa non aparecen a utilidade, a adaptabilidade e a superación da estrita condición lúdica. Do contrario, sostén, cando os rapaces chegan a primeiro andan fartos de ter que reproducir unhas prácticas que apenas lles aportaron algo.

    Polo contrario, propón un esquema, poderiamos dicir evolutivo. Adquisición da lingua (proceso natural) e da conciencia lingüística, e a partir disto, un proceso artificial: distinción fonolóxica (silábica) e lectora (asimilación de fonemas e grafemas), previa á súa reprodución escrita. Chegados á etapa primaria, tería que comezar a lectura seguida e mais a escritura, con regras ortográficas. Tal imposición -que chocaría co criterio da “escrita natural”- é xustificada por Cerrudo Higelmo como unha maneira de que coincida coa forma escrita previa (impresa), de maneira que sexa posible o seu exercicio inverso.

    Un proceso, o da conciencia fonolóxica, que o autor atopa en falla nos estudos universitarios. Para el, o seu exercicio e mais o esquema que derivado dela propón, non sería tempo perdido senón aforrado, especialmente á hora de detectar eventuais deficiencias lectoras, nomeadamente a dislexia. Nesa adquisición pasiva do hábito lector, unha ferramenta fundamental sería a memoria visual, que axudaría a fixar a corrección ortográfica desde o inicio.

    Para asegurar o éxito destas prácticas, propón un maior empoderamento dos/das docentes, fronte á imposición duns políticos moitas veces afastados do mundo escolar.

    O método que Cerrudo Higelmo presenta é froito da súa experiencia e vai acompañado de exercicios do seu alumnado, que o ilustran. Visto desde onde traballa, Madrid, resulta estimulante porque parte dunha situación case ideal. En primeiro lugar, un idioma -o castelán- que resulta practicamente homoxéneo entre fonética e escritura, e nun entorno que cabería considerar como monolingüe maioritariamente.

    Sen embargo, precisaría de considerables adaptacións por parte dos/das docentes daquelas comunidades con dúas linguas oficiais (coa propia do país marcada polo castelán) e máis aínda se cómpre engadir unha terceira lingua familiar distinta. Iso en canto a situación pasiva do alumnado. Non podemos esquecer -e así o sinalan estudos recentes- as dificultades que teñen profesores/as que non teñen a lingua propia do país (galego, catalán, éuscaro) coma lingua de seu á hora dunha realización léxica e fonética correcta. Con todo, este traballo é unha moi boa reflexión para conseguir que as xeracións futuras melloren nas súas competencias,

    Joaquim Ventura

    04 jun 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito