Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Arrimo para Arrimadas

    CIUDADANOS (Cs) se cadra merece desaparecer, pero Inés Arrimadas non. O partido e o seu fracaso xa están analizados, pero a singularidade deste muller política, no medio de tantos homes públicos, aínda está pos estudar. Seguramente porque para a nosa “vulgar mirada masculina” (diríanos Laura Mulvey) resulta unha imaxe dunha complexidade simbólica inaccesible, que obriga a irmos moi atrás. Porque non esquezamos que a política é o oficio máis vello do mundo (empezou con Adán, que hoxe ben podía ser do PP, e con Eva, que hoxe podía ser de Podemos) e veuse enchoupando de constructos e estereotipos da cultura (patriarcal), algúns dos cales prenderon na imaxe de Inés Arrimadas por riba da súa demostrada aptitude de actora (non actriz) da res publica.

    Arrimadas é a primeira e única polí-tica deste noso tempo democrático
    (vai para medio século) que tivo poder de encantar. Este detalle pásalles inadvertido a algunhas das nosas politólo-gas (ou non; hai mulleres que só soportan a visibilidade dunha muller procurando facela invisible), pero os analistas masculinos en xeral viñan aparecendo encantados con Arrimadas. Incluso algúns encandilados, sobre todo os politólogos do nacionalseminarismo, sempre máis sensibles a “los sueños de monaguillo”, que producen ideais onanistas coma o da donna angelicata.

    E Inés de primeiras beneficiouse desta síndrome de Beatriz, na que dan non poucos votantes caídos en ilusión pulcronómica. Porque tamén en política os electores (e electoras) sentimos aquilo que Lorenzo de Medici, ou Marsilio Ficino (xa non me acordo agora, canta erudición¡) chamaba “appetito de bellezza”.

    Pero pasou o que pasou: a Arrimadas tiñámola nun altar do santuario liberal para o noso “godimento spirituale” (como diría un florentino), pero un día fíxosenos de carne e óso, e caíu na vulgaridade do casamento (coma unha do PP) e da procreación (coma unha de Podemos), e esas son cousas que desencantan moito. Arrimadas veu dar en materia de soneto barroco do tema do desengano, coma aquel de Argensola, que terminaba con este lamento: “Lástima que non sexa verdade tanta beleza”. Que, ben pensado, é o verso eterno que sempre acaba latexando no subconsciente do elector cando se lle esfarela unha ilusión democrática.

    E agora, “dove è lei?”, ula ela, preguntaba aquel poeta no Paraíso. Habería que lle atopar un arrimo a Arrimadas, tiñamos que gardarlle unha “sillita”, como a ela lle gusta dicir. Só un anxo caído pode atopar unha palabra tan luciferina (é dicir, iluminada, portadora de luz). Esta Europa (UE) que nos gastamos con tanto gasto (corrente), de primeiras non é máis ca un enorme edificio cuxos sillares son millóns de “sillitas”. Un abismo.

    01 jul 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito