Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

As dúas nais das nosas
constitucións democráticas

    SEIS de decembro de 2021.

    Ano tras ano desde 1978, saen a colación os “pais da Constitución”. Nunca se fala das “nais”, tan esquecidas que moitas persoas enchen a boca dicindo que non as houbo. Erran, porque si existiron. Ilustres, brillantes, valentes.

    Ben é certo que tiveran unha referente de luxo e só tiñan que mirar cara o pasado, á avogada, deputada e defensora da causa das mulleres, Clara Campoamor, unha pioneira. A segunda muller que se incorporaba ao Colexio de Avogados de Madrid (a primeira fora Victoria Kent). A primeira muller defensora dun asunto ante o Tribunal Supremo. A primeira en se pronunciar ante a Sociedade de Nacións, antecedente da ONU.

    A primeira muller en tomar a palabra no democrático Congreso dos Deputados. A única deputada que formou parte da equipa que elaborou o proxecto da Constitución da nova República (a única muller de vinteún membros). A Nai da Constitución de 1931.

    Nesa comisión acadou Clara Campoamor os dereitos á non discriminación por razón de sexo, á igualdade xurídica de fillos e fillas con independencia da súa filiación e ao divorcio. Tamén loitou polo voto das mulleres, mais ese triunfo tivo que agardar ao famoso pleno do día 1 de outubro de 1931.

    Neste debate a súa rival foi a deputada Victoria Kent, quen defendeu o non ao voto das mulleres por entender que non estaban preparadas e que ían ser condicionadas pola Igrexa Católica e as forzas conservadoras. Clara defendeu o si e gañou: 161 votos a favor e 121 en contra, co apoio de todos os deputados presentes do PSOE, pequenos grupos republicanos e boa parte da dereita.

    Converteuse así na primeira muller que defendera e obtivera o recoñecemento do dereito ao sufraxio universal nunha cámara elixida democraticamente (o resto de sufraxistas do mundo loitaron nas rúas, non nos parlamentos). E abriu a porta para que a atravesasen definitivamente as futuras Nais da Constitución de 1978 que, reitero, si as houbo. Diría mellor, si a houbo.

    Porque no ano 1977, no Congreso e no Senado había tan só vinteunha mulleres por seiscentos trinta e sete homes (hoxe son un 41,92% entre as dúas cámaras). E, de novo, unha soa destas mulleres, a deputada María Teresa Revilla, da UCD, participou na Comisión Constitucional. Foi a Nai da Constitución de 1978, que defendeu con vehemencia que a preferencia do home sobre a muller na sucesión á Coroa era contraria ao dereito á Igualdade do artigo 14. Hoxe é o día no que, malia ser botada da comisión naquel ano, segue a manter a súa posición.

    Ademais, María Teresa non estaba soa. Concordaban con ela moitas das súas compañeiras de escano, as mesmas que pelexaron para que a lei do divorcio, o aborto ou o acceso a métodos anticonceptivos fosen unha realidade, como Ana María Ruiz-Tagle e Carlota Bustelo, deputadas socialistas que tamén pensan hoxe que a igualdade quedou curta na Norma Fundamental.

    Finalmente, non podo rematar sen falar das mulleres que foron precursoras no Senado. A máis relevante foi Gloria Begué, do partido da UCD. A primeira muller catedrática de todas as facultades de Dereito do país. A primeira decana da universidade española, no ano 1969. A primeira maxistrada do Tribunal Constitucional. A primeira vicepresidenta deste tribunal (entre 1986 e 1989).

    Gloria Begué destacou notablemente en materia educativa nos debates parlamentarios. Certo que non pertenceu á comisión constitucional no Congreso pola sinxela razón de que non era deputada, mais si é merecente da mesma homenaxe que, lamentablemente, xa sería póstuma.

    Xa que logo, as constitucións de 1931 e de 1978 tiveron cadansúa nai. Reivindiquémoas.

    04 dic 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito