Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

As eivas da globalización neoliberal

    Os acontecementos son moi dinámicos, e a guerra entre Rusia e a Ucraína pódese resolver tanto en poucos días como alongarse no tempo, aínda que en calquera caso a fenda aberta será duradeira, mesmo que remate nun acordo de paz entre as partes, que sería o máis necesario e lóxico. Unha intervención que xurde dun conflito que é consecuencia directa da globalización neoliberal, que agudizou a loita pola hexemonía nun contexto con con límites cada vez máis estreitos. Ou sexa: o capitalismo xa non resolve os graves problemas que enfronta a humanidade, mesmo que fose parcialmente e cun criterio clasista, senón que os agranda como o amosa o medre da desigualdade entre nacións e clases sociais, a desfeita da natureza, a escaseza de recursos básicos, a especulación e a economía delitiva, etc. E todo isto malia os inmensos avances científico técnicos.

    Por parte das potencias hexemónicas, cos Estados Unidos á cabeza, estas eivas e atrancos quérense resolver mantendo as vellas estruturas de poder, co obxectivo de manter e utilizar en proveito propio a situación de privilexio na escala de produtiva, así como o emprego da forza militar, as sancións, bloqueos, incluíndo o cerco militar a Rusia e China... Os “cambios estruturais” redúcense a dar pulo á enerxía verde e á dixitalización. Nesta folla de ruta está a Unión Europea e máis o Estado español, obviando que o que xa non vale é o sistema capitalista, nen nos modos e tampouco nas relacións de produción (cunha centralización e concentración que o afoga todo), até a mobilidade, as migracións masivas,... Daquela que a suma da pandemia e agora a invasión Rusa da Ucraína, e a intervención directa de Estados Unidos, a UE e aliados, con armamento (tamén tropas especiais?), e sancións de todo tipo, como resposta afectasen ao fornecemento da enerxía e materias primas, ao transporte, alentando a inflación e a caída do PIB. O que amosa até que punto a globalización pode estar fora de control por unha guerra, bloqueo, pandemia, desfeita climática, etc.

    Por se non abondase, as sancións contra Rusia atinxen o ámbito da información (exclusión de RT e Sputnik) de numerosas plataformas dixitais. Ulo a pluralidade? Ao que se suma a exclusión do sistema Swift de transaccións bancarias, conxelar os fondos do banco central ruso no exterior, de empresas e mesmo de persoas, excluíla de actividades deportivas e culturais, sancións ás importacións e exportacións, etc. En poucas palabras que as redes, a liberdade de expresión, o deporte e a cultura, o comercio de bens e servizos e as moedas de reserva non son neutrais, senón que forman parte activa da guerra. Estas decisións representan un recuar histórico. Quen vai confiar no sistema Swift e no dólar, e no euro, como medio de transacción e como moedas seguras? Hoxe acontece con Rusia, unha potencia, mañá pode pasar con calquera país.

    Polo tanto, segundo moitos analistas, ficamos nunha conxuntura na que se está a definir se o mundo segue a ser unipolar ou se impón o multilateralismo, o enfrontamento non se dá entre modelos económicos e sociais distintos, mesmo que haxa matices. Pola súa banda o economista de esquerda, o arxentino Julio Gambina opina que: “Os cambios acontecidos na década dos 90 desencadearon diversas resistencias e mesmo intentos de cambio político que entusiasmaron o imaxinario colectivo por transformacións anticapitalistas, antiimperialistas e antipatriarcais, polo que as incertezas actuais tamén chaman a pensar un pouco máis aló do día a día, mesmo en perspectivas liberadoras”.

    Cómpre analizar máis unha vez todos os escenarios futuros, ter para cada un deles a folla de ruta axeitada, no camiño da xustiza social, a defensa da natureza, a solidariedade, a soberanía nacional,... porque os cambios poden ser moi rápidos, e as dinámicas moi complexas. Daquela a importancia de facer lecturas a medio e longo prazo. A Galiza xogase moito: peche de empresas, servizos públicos, reparto dos fondos europeos, etc. As dinámicas nestes contextos tenden a ser autoritarias, co que pode implicar respecto dun novo axuste regresivo do traballo e da riqueza, e da dependencia da nación galega. Este conflito non vai só de Rusia e a Ucraína, aínda que ocupen o centro do palco.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    16 mar 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito