Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 11 agosto 2020
10:41
h

As pensións a debate no Congreso

    A Comisión do Pacto de Toledo mantivo reunións durante o mes de xullo coa finalidade de poder presentar en setembro un texto coas medidas sobre as que se deberían manifestar os partidos políticos con representación no Congreso. Ao fronte desta comisión, sobre o futuro do sistema de pensións, está a ex-ministra de Traballo do PSOE Magdalena Valerio.

    Seica hai aspectos sobre os que podería existir un maior acordo, como sería ligar o aumento anual ao IPC e separar as fontes de financiación da Seguridade Social, impedindo que se utilicen os ingresos para outros fins, como poden ser os gastos administrativos e as achegas a empresas por novas contratacións. Neste aspecto tamén sería importante que o réxime xeral se diferenciase do resto, especialmente do de autónomos/as, dado o déficit que este ten entre ingresos e gastos.

    Outro tema de confrontación é a aposta de VOX a prol dun sistema semi-privatizado. Na práctica esta postura tamén está en certa medida apoiada por outros partidos, non é casual que desgrave (se subvencione) na declaración da renda o investimento en fondos privados de pensións. O ministro Escrivá seica quere utilizar estes recursos para apoiar os fondos de pensións privados sen animo de lucro das empresas, coa escusa de os traballadores/as teñen unha incidencia na súa xestión a través da negociación colectiva. Claro que na práctica así dáselle folgos a sistemas complementares. Acaso a filosofía é que as pensións públicas sexan no futuro unha ingreso básico?

    Xunto coa anterior medida, as maiores diferencias entre partidos radican na eliminación do factor de sostenibilidade, que tendía a reducir progresivamente as contías das pensións xa que as ligaba á esperanza de vida. Aprobouse durante o Governo de Rajoy, e teríase que comezar a aplicar no ano 2019, mais foi adiado polo executivo de Pedro Sánchez até 2023. Tamén se engaden outros aspectos que inciden nos custes, como son os anos para o calculo de xubilación e medidas para dificultar a xubilación anticipada.

    As pensións son un tema de gran transcendencia social, xa que afecta directamente a unha gran parte da povoación, e indirectamente a todas aquelas persoas asalariadas ou por conta propia cando se xubilen. Daquela que será moi importante o texto que se presente no Parlamento para o debate, máxime nun contexto no que existen limitacións para que os colectivos afectados manifesten a súa postura na rúa masivamente. Un aspecto que é fundamental para neutralizar aos poderes sistémicos que teñen outros mecanismos de presión, e intereses opostos a todo gasto público, agás cando se trata de salvar empresas e participar da xestión de servizos públicos.

    Agora ben, as forzas progresistas veñen esixindo que se tomen axiña medidas como ligar as pensións ao aumento do IPC, eliminar a o falso factor de sostenibilidade, clarificar as caixas de cada réxime, non se pode ignorar que esta actitude contrasta coa demora noutros temas que sería necesario resolver de inmediato. Por exemplo: a derrogación das reformas laborais, da Lei Mordaza e do artigo 315.3 do Código Penal. Estas medidas serían esenciais para mellor defender o emprego e as condicións laborais nesta conxuntura tan complexa e estratéxica, e sobre todo dignificar os salarios, o que implicaría un aumento de recursos para a Seguridade Social.

    Por certo: esta presa terá relación coas condicións para recibir os prestamos e subvencións da Unión Europea que forman parte dos vindeiros orzamentos? Se fose así, habería que estar preocupados, e entenderíase porque nuns casos o proceso desenvolvese con normalidade, mesmo acelerase, e noutros adiase ou enredase en comisións tripartitas do governo, patronal e sindicatos.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    31 jul 2020 / 13:26
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito