Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

As tendencias electorais están decididas... todas?

    Practicamente todas as enquisas, encargadas por distintos medios de comunicación, dan como partido máis votado nas eleccións galegas do vindeiro 12 de xullo ao PP (tamén a realizada polo CIS). O que indica que durante a pandemia este partido consolidou seus votantes, algo que non estaba tan claro nas semanas previas á anulada convocatoria de abril. Sen dúbida as razóns hai que buscalas máis que nos méritos de Núñez Feijóo nos erros e eivas do PSOE e de UP+EU+Anova. Tamén foron perdendo peso VOX e Ciudadanos en beneficio do PP.

    O medre que indican as enquisas para os “socialistas” é cativo, entre 2 ou 4 deputados/as máis, e non se corresponde co seu peso nos concellos e con exercer a presidencia no Governo central. Sen dúbida pesan as contradicións na xestión da pandemia, onde por unha banda tomáronse medidas beneficiosas para as clases populares, como por exemplo os ERTEs e o IMV, porén que deixaron flancos abertos que permitiron unha morea de despedimentos, a posibilidade de descolgue das empresas dos convenios, as variacións sen acordo co persoal das condicións laborais, etc. Ao que se lle sumou unha xestión nefasta dos pagos pola falta de medios, e que promesas electorais como a derrogación da reforma laboral da Lei Mordaza, do artigo 315.3 do CP, fosen postergadas coa escusa da urxencia da pandemia, primeiro, e da recuperación despois.

    Tampouco se pode esquecer que o viguismo (e españolismo) de Abel Caballero que tan ben lle funciona na cidade olívica (como antes a Vázquez na Coruña), non só centra todas as súas reclamacións e dardos na Xunta do PP senón que trata aos concellos limítrofes e ao resto de Galiza como se fosen competidores. Todo isto ten custes electorais, especialmente nas autonómicas, porque unha parte do electorado cambia o voto na procura daquel partido que coida vai defender mellor á “comunidade”, e unha pequena parte abstense.

    A rápida caída de UP ten na Galiza algunhas razóns comúns ás que afectan este proxecto no resto do Estado e outras que son propias da situación social e política da nosa nación. Os erros e eivas na xestión do coroavirus semella que lle están a pasar unha factura maior que ao PSOE, ante todo porque eles eran os principais valedores da propostas cun maior contido social e laboral, e a súa integración no Governo estivo sustentada en que con este paso poderíanas facer realidade. Non foi así máis que parcialmente e con grandes déficits no contido e na xestión, e ademais no plano de reconstrución (en principio) renunciaron a gravar as grandes fortunas e empresas cunha maior presión fiscal. A escusa é a pandemia e a necesidade de salvar as empresas (como se non houbera sectores con beneficios), unha simplificación que xa foi utilizada para que os custes da crise do 2008 fosen pagados (con extras) pola clase traballadora, e unha parte dos autónomos/as e das pequenas empresas.

    Ademais, a esta práctica política acomodaticia de UP+EU que contrasta coa imaxe de radicalidade nas propostas de cambio e nos debates, sumáselle no caso de Galiza as contradicións respecto do recoñecemento do carácter plurinacional do Estado e do dereito de autodeterminación. Poderíase xustificar na necesidade de pactar co PSOE para dar un xiro á esquerda e frear á ultra dereita, porén repetiuse co mando central único e a división provincial durante o confinamento.Ao que hai que sumar, no caso de Galiza, á progresiva renuncia a elaborar políticas, folla de ruta e iniciativas propias. O que deu lugar a unha morea de conflitos internos e rupturas. Resulta incomprensíbel que Anova siga arrastrada por esta dinámica. As enquisas outórganlle só entre 4-6 deputados/as, o que implica unha derrota do proxecto, que ademais nunca foi quen de contar cunha gran militancia e corpo social organizado.

    Neste contexto é lóxico que o BNG se convertese na referencia do soberanismo e mesmo de amplos sectores sociais da esquerda que non colocan a cuestionan nacional como prioritaria. As enquisas coinciden en que vai dobrar o apoio electoral respecto das eleccións de 2016. Sen dúbida axúdalle e moito que segue a ser o proxecto político mais ligado á mobilización social, ven porque ten unha presenza directa en organizacións sindicais, sociais e culturais, ou porque apoia activamente as accións reivindicativas que nacen desde estes ámbitos. Ademais, e non é unha cuestión menor, foi a forza política cunha representación destacábel no ámbito institucional que se mantivo firme no referente a defensa da autoorganización e de políticas sociais redistributivas, tal como se reflicte con toda claridade no Congreso, malia que conte con un único deputado.

    Tampouco se pode obviar o bo traballo que o BNG realizou nos concellos onde governa, e que destaca nos que é oposición como alternativa malia que poda ter neste intre unha representación escasa. En resumo, o BNG con toda seguridade ten aínda retos importantes por diante que superar para se converter nunha organización de masas, con unha militancia activa, e mesmo ofrecer unha imaxe mais colectiva e un proxecto que ligue mellor as propostas actuais, a medio e longo prazo. Porén resulta evidente que segue sendo un proxecto consistente e con capacidade e atractivo, como amosa o feito de que sería a forza máis votada entre a mocidade de 18 e 34 anos.

    En todo caso, para alén do que sabemos polas enquisas, e das variacións que se podan dar, deberíase prestar máis atención á abstención. Un tema que o lector/ra que me siga sabe que considero importante. Tradicionalmente afecta de maneira negativa, especialmente onde governa a dereita e versións moi descafeinadas da esquerda, á esquerda transformadora porque é o refuxio dunha parte moi grande da mocidade e da clase obreira. Daquela que reducir esta tendencia, incorporando estes sectores aos procesos electorais sexa tan importante (xa que nas loita sociais están presentes). A pandemia axitou moi fortemente a sociedade. Até onde incidirá isto nos comportamentos electorais? As enquisas realizadas non indican cambios neste aspecto, por exemplo un aumento da abstención, como en Francia. Mais que sucederá realmente o 12 de xullo?...

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    01 jul 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito