Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

As vellas da miña vida

    DESPOIS dun agosto confinado no meu xardín de raíñas e rosas, volvo ao planeta dos virus e algoritmos. Canta sordidez na paisaxe. O mundo necesita un chisco de glamour porque, como dixo Valéry, só podemos aguantar unha dose pequena de realidade. Pero –falando de glamour– mesmo aconteceu que un día deste sinistro verán morreu Olivia de Havilland aos seus cento catro anos.

    Ben pensado, a inmortal velliña non morreu, senón que foi durmir fóra (como diría aquí un velliño inmortal, que felizmente aínda dorme dentro), porque hai vellas idas que sempre fican a rente. A morte de Livvie (chamámoslle así os seus adoradores), a Melanie de Lo que el viento se llevó, fíxome evocar algunhas das vellas da miña vida que xa me levou o vento. E non me gusta nada que mas aguilloen co eufemismo de “mayores”, como se fai coas viejas en castelán.

    Vieja e vella poden prestarse a equivalencia léxica, pero non lexemática. Non teñen a mesma estrutura sémica (díxoo Coseriu). Pero nesta nación a incultura lingüística campa mesmo nos cenáculos e academias da lingua.

    Nunha destas tardes de agosto, nun informativo da nosa tele, un locutor dicía que, por causa do mal do coronavirus, ese día en Galicia “faleceron dous señores maiores”. Iso é falar en castelán. En galego dise: “morreron dous vellos”. Pero preparémonos, porque agora os facedores –e fozadores– da lingua galega propóñennos que aos vellos lles chamemos “idosos”. Xa anda por aí este voquible reintegracionista.

    Ou sexa, co mesmo impudor que nos meteron un “porén” e nos botaron un “polvo” portugués (polbo), agora queren chuzarnos un “idoso”, coa debida inclusión de xénero: “idosa”. E con estes inverecundos xogos léxicos vannos distraendo do estrago gramatical do idioma.

    Desde Madrid –tamén un día deste virulento verán– unha nosa profesora maior e maioral escribía un artigo na prensa no que poñía a pingar con razón a eses mozos que non queren usar a máscara, poñendo en risco os vellos. “Ti non me protexes –doíase a nosa idosa contra un mozo desidioso–, pero eu a ti protéxoche”. Que gramática parda, ché¡ Esta pandemia está sendo malísima para a saúde do idioma.

    Pero ao que eu ía é á memoria das vellas da miña vida, que antes foron aquelas raparigas da miña vida. Ulas elas. Levoumas o vento, como levou tamén este verán a doce Melanie, que “nunca tivo máis ca corazón”, segundo conta Margaret Mitchell na súa historia. Menos mal que as boas historias, aínda que morran, “sempre volven”, como di a nosa cinematográfica velliña Benedicta.

    05 sep 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.