Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

As vodas de Canadá

    EN tempo de confinamento, que gusto dá oír na nosa radio a palabra aguda das vellas da aldea. (Enténdase como tipo antropolóxico, que non hai que confundir coas nosas maiores do rural, tan feridas polo eufemismo). Elas son unha aristocracia que ás veces exhibe unha calidade de discurso oral que asombra. E por iso na radio, cando non teñen ideas, entrevistan unha destas vellas iluminadas.

    Neste país temos asociacións de escritores e poetisas de centos de persoas cuxa produción estética e simbólica é inferior á dunha vella da aldea co seu genius loci. Coma a señora Esther, que estoutro día deixou un momento o traballo nas súas viñas da Ribeira Sacra para falar nas ondas galaicas, e dixo que o viño é un don divino que non podía faltar nas “vodas de Canadá”.

    Os radiofonistas reloucaron con este falarico e escacharon coa risa. Desde logo, moita máis risa dá a sintaxe dalgunha tertuliana da radio, pero tivo que vir esta señora a poñer a flor do día. “Unha frase para a historia”, dicía o locutor máis entusiasmado con moita razón, porque a historia agora anda moi mal de frases.

    Suponse que Esther tería que dicir “vodas da Caná”, pero ese é un modismo tópico deses que van quedando gastados, des-semantizados e insípidos, aínda que teñan xénese bíblica, cervantina ou dinástica, coma as “vodas de Camacho”, a “voda de Fabiola”, a “voda (da filla) de Aznar”, e así. Son frases míticas pero morridas.

    Nembargantes “vodas de Canadá” son palabras vívidas, vinícolas –case de bacanal–, que no fondo compoñen o que Freud chamaba un acto fallido que revela o espírito competitivo de dona Esther e o seu instinto de busca de novos e transatlánticos mercados para o seu viño de autora. Ela ben sabe que a demanda non está en Caná senón en Canadá. E ela di –coma a Veciña de Galilea–: “Non teñen viño” (aínda que teñan algún, coma o Icewine da rexión de Ontario).

    Pero os canadianos consumen máis viño ca nós por persoa, de xeito que hai que facer que reparen nas regalías da Ribeira Sacra, que para as xentes daquelas terras frías son abrigo, son coma “un gabanciño forrado de plumas de rula” (Cunqueiro).

    Así que, en vez de facerlle a glosa jocosa ás “vodas de Canadá”, percibamos as suxestións que emite en termos de exportación e marketing more galaico. E aínda por riba podemos aproveitar o encanto do galego patrimonial que florean as vellas da aldea para ir levando estes días de virus pandémicos e Letras panlusistas. Por certo, onde venderán o viño nupcial de dona Esther. Debe saber a lúa de mel.

    16 may 2020 / 00:20
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.