Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Autonomías antiautonomistas

    Xa sabemos que o vitimismo consiste en atribuír a outros as causas das propias debilidades ou desgrazas. E desde a aprobación do Estado das Autonomías no marco da Constitución vixente, houbo presidentes de comunidades autónomas que fixeron do pim pam pum contra homólogos de outras o seu particular deporte. Obviamente, con criterios selectivos, porque tirar contra uns dá votos pero facelo contra outros podería poñer en risco importantes acordos de lexislatura.

    Poño por caso, cando os presidentes socialistas de Estremadura Juan Carlos Rodríguez Ibarra e Guillermo Fernández Vara -e en menor medida os de Castela-A Mancha José Bono e Emiliano García-Page- fixeron de Cataluña a diana dos seus ataques, mentres gardaban silencio verbo dos privilexios fiscais do País Vasco e Navarra.

    Ultimamente, temos un aprendiz avantaxado dos anteriores no presidente aragonés Javier Lambán. Herdeiro do anticatalanismo visceral de Luisa Fernanda Rudi, do Partido Popular, esqueceu a política de boa veciñanza cara a Cataluña de Marcelino Iglesias, o ribagorzano que presidiu Aragón durante doce anos. E cando tocou colaborar no proxecto dunha candidatura aos Xogos Olímpicos de inverno de 2030, Lambán atopou unha escusa para erguer a bandeira dunhas particulares aldraxes: se aparecía Barcelona -gancho olímpico-, tamén Zaragoza.

    Pero calquera vindicación -malia o acordo acadado entre as comisións técnicas catalá, aragonesa, do goberno español e mais do COE- non está rifada coa boa educación. E o presidente Javier Lambán deixou evidente que as boas maneiras non son o seu cando a finais de xaneiro deixou plantado ao seu homólogo catalán, Pere Aragonès, na reunión que tiñan acordada en Balaguer, ausencia que se repetiu -esta vez tamén ante os representantes do goberno español e do COE- dous meses despois, pola súa disconformidade co programa acordado para os xogos. Reunión convocada novamente por Alejandro Blanco para o este próximo 25 de abril na procura dun acordo entre as partes.

    A pretensión de que Aragón organizase na zona pirenaica o mesmo número de probas de esquí que Cataluña, forzaría a celebrar por separado as competicións masculinas e femininas, rachando a tradición olímpica e provocando un aumento orzamentaria considerable. Non entro agora a contemplar a idoneidade ou non da súa celebración verbo do medio ambiente e da integridade da natureza. Nin tampouco discuto as calidades das pistas de esquí aragonesas, algunhas das cales poderían resultaren excluídas. Pero fronte ás pretensións igualitarias, cómpre lembrar que por catro veces Chaca presentou candidatura aos xogos de inverno e en ningunha delas ofertou a máis mínima colaboración á veciña Cataluña.

    Pero sen que eu o queira poñer coma contrapeso, tamén cómpre considerar fóra de sentido algunhas actuacións de sectores catalanistas radicais verbo doutras comunidades autónomas. É o que ven de suceder co comportamento do executivo catalán co anuncio da futura fábrica de baterías eléctricas promovida por SEAT, que se establecerá en Sagunto, non por decisión política do goberno de Pedro Sánchez senón de Volkswagen despois de discretas negociacións emprendidas polo goberno de Ximo Puig.

    E de xeito semellante, a campaña de Plataforma per la Llengua (entidade xenerosamente subvencionada polo goberno catalán) na Comunidade Valenciana a prol da unidade da lingua pero sen considerar que nesta terra e oficialmente, o catalán é denominado valenciano.

    Sen esquecer as ausencias de presidentes cataláns en actos a prol do Corredor Mediterráneo en Valencia e en Madrid, ou a de Pere Aragonès, o pasado outubro en Zaragoza, no cumio de empresarios cataláns, valencianos, baleares e aragoneses, á que asistiron os presidentes das respectivas comunidades autónomas.

    E nese senso, non lle falta razón ao presidente valenciano Ximo Puig, porque, en definitiva, as ideas -incluso as independentistas- non teñen que andar rifadas co pragmatismo nin coa boa educación.

    Joaquim Ventura

    20 abr 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito