Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Axudas que non saen gratis

    Todo indica que a oposición de dereita rebaixa a tensión do debate político cando se reparten recursos económicos ás autonomías (e localidades), neste caso procedentes da UE, seica para superar a pandemia. Cando menos iso é o que se reflicte da xuntanza de “cogovernaza” realizada en Salamanca. Será porque as autonomías do PP ven isto como unha concesión e un aumento de recursos para consolidar base electoral?... Axen así malia que só se lles outorga ás autonomías un 55% da xestión dos fundos da UE (só para este ano), e ademais as axudas á industria, que son chave neste proceso de forte reconversión, serán competencia exclusiva do Estado. Chama a atención que sobre este tema de tanta envergadura non houbese debate, máxime cando no caso de Galiza o proceso desmantelamento afecta á produción de enerxía, naval, aluminio... Ulo a cogovernanza? Nunca existiu é puro teatro, para reflectir o espellismo de que o Estado das Autonomías é unha federación,... como se fose Canadá. Sánchez instalou a fantasía.

    Resulta preocupante que da reunión non saíse unha análise da situación socio-económica e de como se van confrontar os retos da reconversión produtiva, mesmo que fose unha síntese. Tamén sería importante saber se houbo propostas alternativas para dignificar e darlle contido a estes encontros, e se existiu debate sobre o reparto que se fixo dos fondos, ou se sinxelamente foi aceptado unha vez feita a proposta por Sánchez. Neste último caso: será porque os presidentes autonómicos, para alén da súa cor partidaria daban por descontado que o Governo ía centralizar toda a xestión e ven este reparto como unha concesión coa que non contaban, e pola que non pensaban facer ningunha presión? Aínda fican no ar máis interrogantes: faríase este reparto porque o Governo considerábase incapaz de gastar estes fondos no período prefixado?... terán capacidade de facelo todas as nacionalidades e rexións, ou poden ter dificultades e por iso non debaten a porcentaxe?... Tanto consenso con algunhas autonomías, cando o fragor da batalla co Governo dáse acotío, deixa moitas preguntas no ar. A resposta terémola cando remate o prazo de execución.

    Agora ben, para alén destas hipóteses, que se poden realizar pola falta luz e taquigrafo da acción política e de non dar participación ao povo, o fundamental é que estes fondos non se crean no esencial para superar a pandemia, aínda que tamén teñan esta finalidade. O reparto entre estados semella estar máis xustificado en facer menos dura unha profunda reconversión, co argumento de frear o cambio climático, mais que afectará o papel de cada país da UE na cadea produtiva, e o papel que cumpre. A pandemia acelerou cambios, que todo indica estaban moi debatidos en Bruxelas. Un proceso que como mínimo terá impacto sobre a produción de enerxía e a dixitalización. Porén tamén, é moito, en relación coa mobilidade, tanto das persoas como dos bens, co que iso implica por exemplo no turismo;así como: na economía de escala; na reordenación do territorio; e nos sectores industriais e de servizos relacionados con estas actividades. Non só pensemos no naval, senón ademais na industria automotriz e de autopartes.

    Que dimensión terán e como incidirán estas transformacións na economía galega? Cales son os distintos escenarios que se analizan dende a Xunta de Galiza? Non é unha cuestión menor ou secundaria, máxime despois do último informe da ONU poñendo o acento na gravidade da cuestión climática e na urxencia de tomar medidas para reducir a contaminación, recuperar a masa arbórea. Cambios que implican unha transformación do modelo económico e social e mudanzas nos comportamentos sociais. Evidentemente na Unión Europea son Alemaña e os países da súa orbita máis achegada, en menor medida Francia, os que dirixen este proceso de transición, polo que está feito á sua medida. Abonda con ver con que estados son máis “xenerosos”, para se decatar como lles vai afectar a cada un, non só a pandemia, senón sobre todo o proceso de reconversión produtiva, e o turismo non será o único sector golpeado. Unha situación difícil e complexa para un país como o noso cun papel subalterno dentro do Estado e polo tanto da Unión Europea. A solución sempre é a mesma: tomar a iniciativa, contar con propostas a medio e longo prazo, mobilizar conscientemente á sociedade galega, manter unha política de alianzas correcta. O futuro construímolo todos os días.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    12 ago 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito