Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Bálsamo para unha nación

    Resulta evidente que a vitoria da selección albiceleste contra Francia na final da Copa do Mundo de fútbol celebrada recentemente en Qatar foi un auténtico bálsamo para a complicada situación que está a atravesar a Arxentina. Os índices máis optimistas –é dicir, os oficiais dados polo INDEC- sobre a situación por baixo do lindar de pobreza afectan a un 37% do conxunto da poboación. Posiblemente non hai outro caso semellante no mundo en canto a un descenso tan brutal ao longo dun século.

    Non esquezamos que ata a crise de 1930 (cando se produciu o golpe de estado encabezado por Uriburu), a Arxentina estaba entre as dez primeiras economías mundiais, competindo en salarios, inversións de capital e capacidade de gasto cos Estados Unidos ou Francia. Bos Aires ollaba de ti a ti a Nova York ou París. Pero o declive do Reino Unido –cuxa economía se complementaba coa arxentina- a prol do ascenso dos Estados Unidos de América –que resultaba competidor-supuxo o principio do fin na chamada “Década Infame”. Xa no período peronista (1943-1955), a economía pasou a autárquica e o réxime pactou cos sindicatos unha paz social a cambio da nacionalización dos principais sectores económicos e de importantes melloras na vida dos traballadores.

    As seguintes ditaduras –sempre apadriñadas pola oligarquía de base agraria e gandeira, unha parte dela de orixes vascas, e polos sectores corruptos que dominaban a economía- non fixeron senón aumentar o empobrecemento do país. Primeiro con constantes depreciacións monetarias, despois xa na década dos noventa coa paridade do peso arxentino co dólar USA. Tal medida, que durou ata 2002, estragou a industria nacional porque resultaba máis barato importar produtos que fabricalos. Á diferencia artificial dos cambios engadíase a continuada débeda exterior, situación que conduciu ao chamado “corralito” de 2001.

    Pero malia a evidencia de tal desastre económico, o conxunto da nación arxentina seguía a ter en mente os anos alegres da chegada continua de inmigrantes europeos, dos cafés e do tango, da masiva exportación de carne e cereais, de tantos ricos que hai un século podían viaxar a París coa advertencia que tivesen coidado cos “apaches” (bandas de delincuentes xeralmente vinculados ao proxenetismo).

    E en paralelo á crise continua que a Arxentina está a padecer desde hai anos, non hai posiblemente outro país que pasase de importador de man de obra a padecer unha sangría constante de habitantes cara a medio mundo. Se coa ditadura de Videla e compañía marcharon exiliados os opositores que foron capaces de conseguir un billete de avión, coa ruína provocada polo “corralito” o exilio pasou a ser económico e afectou tamén a unha parte importante das clases medias, definitivamente empobrecidas.

    Desaparecido definitivamente o peronismo coma proxecto nacional (o espolio dos Kirchner arruinouno), o único que segue a unir ao conxunto dos arxentinos é a selección de fútbol. Nela recoñécense ricos e pobres, os primeiros que chegaron tras a independencia e aqueloutros que, década tras década, se foron engadindo. Na selección desaparecen as diferencias por orixes española (e galega e vasca), italiana, xudía ou “turca”. Fronte ás miserias vividas, gañar a Copa do Mundo de fútbol por terceira vez permítelles –na propia Arxentina ou nos diversos exilios- sacar o orgullo de nación, especialmente fronte a emerxencia doutros países do Terceiro Mundo que malia todo están a medrar.

    Pero esa esquizofrenia nacional –ao cabo, a presenza de tantos psiquiatras algo indica- non se pode borrar así como así. No fondo, e malia a lembranza de glorias pasadas, a cociña arxentina sempre resultou unha gastronomía de pobres –como sucede en tantas outras partes- pero dobremente pobres: pola orixe e pola condición social. E iso resulta claro se atendemos combinados como o choripán ou as empanadas e, aínda máis, o popular “asado”, común ao longo e ancho do país: unha grellada a base de carnes de terceira, mentres as mellores pezas dos millóns de vacas locais marchan á exportación. Unha metáfora feita realidade dun quero pero non podo secular e mais nacional.

    23 dic 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito