Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Barcelona e Xirona, 1939: crónicas da fuxida

    Aínda temos na retina as terribles imaxes da fuxida de moitos habitantes das cidades afgás, especialmente Kabul, cando os talibáns estaban en portas. Unha caída, a desas cidades, sen apenas resistencia despois do colapso dun exército sen máis cemento para unilo ca a paga. Unha fuxida á desesperada de homes e mulleres que temían as represalias dos novos ocupantes, polo simple feito de ser membro das forzas armadas ou de participar nos anos pasados en actividades que aos ollos dos talibáns, son privativas da condición masculina.

    Un ambiente semellante ao que se viviría a comezos de 1939 cando, despois da caída republicana na fronte do Ebro, as tropas sublevadas emprenderon o dobre avance desde o sur e desde o oeste, consolidada a ocupación de Lleida desde meses antes. O avance era imparable e se as tropas do chamado bando nacional chegaban a Tarragona o día 15 de xaneiro, once días despois entraban en Barcelona, cidade onde se concentraran o goberno da República, o da Generalitat, o goberno vasco e moitos desprazados chegados desde diversas zonas de España, incluídos políticos e intelectuais que marcharan de Madrid a Valencia.

    Pero si Barcelona tiña certa capacidade para acoller a organismos públicos e refuxiados de calquera condición, cando as tropas sublevadas estaban a piques de cruzar o Llobregat e mais a serra de Collserola, toda aquela masa que, cos naturais da cidade, emprendeu a fuxida pasaou a facelo por dúas estradas apenas, as que levaban a Xirona camiño de Francia. Unha fuxida cruelmente atacada pola aviación alemá e italiana posta ao servizo dos sublevados.

    Dos sucesos daqueles días temos agora dúas crónicas recentes, unha en forma de novela e outra con relatos de memoria. A primeira, 1939. La caiguda de Barcelona (Columna), é obra do xornalista e escritor Andreu Claret, vinculado moitos anos ao PSUC. A través das andanzas dun boxeador paisano de Lluís Companys, a quen sirve coma escolta, e dalgúns dos seus amigos e amigas, entre eles algúns xornalistas estranxeiros, asistimos aos preparativos para a marcha cara ao exilio das autoridades catalás e das súas diferencias verbo das españolas.

    Naqueles momentos de caos emerxeron as diverxencias entre uns e outros, entre os propios cataláns e entre as autoridades republicanas, deixando en evidencia que eran protagonistas duns feitos –e Claret en ningún momento é maniqueo- dos cales foron en boa parte responsables, con independencia da violencia exercida polo bando sublevado. Cando a historia pon as cousas no seu sitio, desaparece boa parte da épica dos caídos, conservada grazas á crueldade dos vencedores durante os anos de silencio e recuperada coa democracia.

    Andreu Claret move a súa narración a partir de datos históricos, incluso algúns pouco coñecidos pola opinión pública, como que as embaixadas estranxeiras estaban aloxadas nos magníficos chalés que membros da burguesía catalá tiñan na localidade costeira de Caldetes. Fronte á costa do Maresme situáronse barcos militares estranxeiros para desaloxalas.

    A segunda obra, Girona, 1939: porta de l’exili (L’Avenç), está formada por diversos escritos memorialísticos de persoeiros que protagonizaron aquelas xornadas na cidade do Ter. A edición é de Joaquim Nadal, veterano profesor de Historia e dirixente socialista, alcalde de Xirona (1979-2002), deputado e conseller da Generalitat (2003-2010). A maioría dos textos son de autores que tiñan que fuxir aínda que tamén atopamos lembranzas doutros que marcharon temporalmente da cidade e doutros que participaron na súa conquista.

    Sendo de autores de procedencia e pensamento diverso, atopamos neles unhas constantes. Entre elas, e parte das discrepancias entre os que fuxían, unha percepción de cansazo, sen folgos para calquera acción de resistencia. E outra, que desmonta para sempre –por se xa non o estaba- a épica dos fuxidos ou de algúns que tiñan mando militar, entre eles Enrique Líster. Máis preocupados porque a fuxida fose efectiva que por como quedarían as terras que deixaban, non dubidaron en voar canta ponte ou instalación estratéxica deixaban atrás. Os que non eran cataláns –nun bando ou noutro- non sentiron a máis mínima compaixón por como quedaría Cataluña despois da contenda. Así foi e así nos vai.

    Joaquim Ventura

    12 oct 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito