Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Beneficios da amabilidade

    NO seu último libro Os cinco beneficios de ser amable, David Hamilton, doutor en química orgánica con experiencia na industria farmacéutica, explica os beneficios que a amabilidade ten para a saúde. Segundo diferentes estudos, cada vez hai máis evidencia da influencia que determinadas actitudes teñen na esperanza de vida. Máis, incluso, que algún tipo de cremas e medicamentos.

    Aínda que a idea de que todo o que nos sucede está escrito nos nosos xenes está moi estendida, a súa contribución á lonxevidade adoita oscilar entre un 20% e un 30%. A diferenza entre a idade cronolóxica e a biolóxica (a que temos en función do noso estado de saúde) non está medida só polo noso ADN, senón por unha multitude de factores. Como, por exemplo, os hábitos alimentarios, o exercicio que practicamos, a capacidade de xestionar o estrés ou o modo que temos de relacionarnos cos demais.

    Segundo un descubrimento realizado por un grupo de investigación da Universidade de California, as células nai non se conseguen converter ben en células musculares cando non hai suficiente oxitocina; e cando esta falta os nosos músculos –ao non poderse rexenerar– debilítanse. Que a tensión acelera o envellecemento e a amabilidade contrarresta isto xa o sabían os antigos, pois o corpo e o espírito inflúense mutuamente. Pero comprobar que unha aperta ou unha mirada amorosa xeran oxitocina e esta axuda a rexuvenecer os músculos, vai máis alá.

    En paralelo un equipo de psicólogos da Universidade de Carolina do Norte, liderado por Barbara Fredrickson, comprobou como a práctica da compaixón e a bondade aumenta directamente o ton vagal. O nervio vago desempeña un papel moi importante no atraso do envellecemento, ao axudar ao corpo a descansar, a dixerir ben os alimentos para obter enerxía e a rexenerarse.

    Nun estudo realizado sobre un grupo de 65 homes e mulleres que asistiron a clases semanais de meditación da bondade amorosa –de corte budista–, animándolles a practicala a diario, comprobaron que o seu ton vagal aumentou significativamente en relación con outro grupo similar que non participou na experiencia.

    Como sinala Hamilton, ser amable tamén afecta á nosa pel. Aínda que a formación de engurras é un proceso natural de envellecemento, a rapidez co que se forman depende do noso nivel de estrés, a nosa dieta e como sexamos, bondadosos ou despreciativos; e non so dos primeiros factores.

    Polo que se ve, a oxitocina é unha excelente compañeira de viaxe. Facerlle un oco paga a pena: todo son ganancias. Os pensamentos e as sensacións que os acompañan, alteran o fluxo do sangue na pel, achegan felicidade ou tristeza e deixan marcas (profundas) no noso corpo.

    06 nov 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito