Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Benvido 2022

    PARA encarar un proxecto con posibilidades de éxito, o compoñente psicolóxico é determinante. O convencemento de ser quen de logralo, por suposto, non garante a consecución do proposto; pero sen este o saber e o querer poden quedar bloqueados ante a menor dificultade.

    No estreo do novo ano moitas persoas soen ver o cambio dos díxitos no calendario como unha oportunidade para volver a empezar, retomando metas e ilusións abandonadas.

    Ao pensar nisto veume á memoria a aventura vivida por Ernest Shackelton no 1914, cando decidiu atravesar a Antártida en zorra con 27 homes máis. Despois de navegar moitas millas por un mar case conxelado no Endurance, cando aínda faltábanlles 160 quilómetros para chegar ao seu destino, o seu barco quedou varado nunha illa de xeo.

    Como conta no seu libro Atrapados no xeo, un dos momentos máis decisivos da viaxe foi cando tivo que decidir os homes que sairían con el ao mar nun pequeno bote, co fin de intentar chegar á terra e, logo, pedir axuda para rescatar ao resto da tripulación. A súa forma de razoar chamoume a atención, pois elixiu: ao enxeñeiro por saber de barcos en xeral, o carpinteiro por ser quen de arranxar o bote, dous homes moi pendencieros para que non estragasen a convivencia dos que quedaban, e ao que todos chamaban o optimista porque intuía que necesitaría unha persoa así para superar a difícil travesía.

    A elección de Shackelton, visto os perigos que tiveron que afrontar, non puido ser máis acertada, pois un optimista ao carón vale tanto ou máis que unha mente clara que cre que é imposible alcanzar a meta.

    Outra compoñente fundamental para acadar calquera cousa é ter unha actitude colaborativa en todo aquilo que nos traemos entre mans; ao que os británicos denominan win-win porque así gañamos todos. A viñeta de Manolito levantando o seu dedo diante dun rañaceos en New York, dicíndolle a Mafalda que é máis alto que este, esconde unha intelixente mensaxe. Por que dis isto?, pregúntoulle Mafalda. Porque é o meu dedo, contestoulle. A perspectiva do eu sen ter en conta a allea, moitas veces, impídenos ver a realidade con obxectividade.

    Como me contaba un adestrador de tenis, cando un falla unha bola non hai que darlle importancia. Cada bola é distinta. A seguinte vou a intentar xogala mellor. Trátase de pasar por encima da rede a bola que ven, sen pensar nas que quedaron na rede. Se vén difícil, antes de fallala, súbea alta ata ao fondo da pista. Mellor iso que buscar o punto á primeira de cambio, sen esforzarse.

    Para que as cousas saian ben, non hai nada como ir pasiño a pasiño. Cada un deles nos achega un pouco máis a aquilo que perseguimos. Feliz 2022 a todos!

    08 ene 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito