Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Biquini

    LIBRÁMONOS de estar todos a falar portugués de milagre. Porque este ano traía moita forza reintegracionista o Día das Letras, pero chegou o famoso virus e mandou parar. Eu mesmo me vin facendo a ilusión de deixar de escribir nesta miña fala deslinguada (“dialecto rústico”, diría Carvalho Calero) e empezar hoxe a escribir en portugués. Xa dicía o vello Séneca que hai un tipo de parvo que só lle quere á súa nación cando é grande e só lle quere á súa lingua cando a falan moitos, de xeito que a esta hora eu podería ter douscentos cincuenta millóns de lectores potenciais, e non os catro gatos que me len no Morrazo, entre eles o meu amigo Mauro que, para agravar a miña desolación, mandoume estoutro día unha foto da praia dos meus primeiros amores deserta, espida –como Deus a puxo no mundo– por mor do impúdico virus. Non se ve un bikini na praia onde vin o primeiro bikini da miña vida. Daquela aínda o bikini non tiña nome, e miña nai –que era moi creativa en materia onomasiolóxica– chamoulle “dousrachizos”, porque en efecto aquel novo vestido de baño compoñíase do rachizo de arriba e o rachizo de abaixo, pero o neoloxismo ficou só en localismo.

    Precisamente quen lle puxo o nome definitivo ao bikini foi Carvalho Calero (como el explica no seu coñecido traballo O idioma galego e os problemas da linguaxe técnica). Propuxo que ao bikini se lle chamase “biquini”. Escrito así, en lusista (de toda a ortografía de don Ricardo a do biquini é a que máis me gusta), sobre todo para atallar esa tentación tan propia da xente do país de “elaborar un termo enxebre” para a nova peza de baño (de dimensões reduzidas, que diría un portugués). Iso sería –di don Ricardo– “pedantesca inepcia”. Nunca lle dixen a miña nai que “dousrachizos” era unha pedantesca inepcia, porque ela non habería quedar calada. Pero eu, coa complicidade dos meus amigos da infancia, ao bikini aínda lle chamo “dousrachizos”, que é xustamente o que vestía Sonsolita cando viña de vacacións no verán coa súa familia desde Madrid a tomar os baños e a estomballarse ao sol. (Recordo o día que lle novedei a miña nai que Sonsolita tiña un bañador moi moderno. “O que ten son dous rachizos e pouca vergonza”, cortoume ela). O biquini viste (pouco), pero o dousrachizos ispe (moito). O que pasa é que neste país hai moitos lingüistas que non teñen oído para os matices e os semas eróticos do léxico “isolacionista”.

    Que solitaria estaba a praia dos meus primeiros encantamentos. E que solitario estou eu tamén.

    22 may 2020 / 23:54
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.