Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

BNG, nada que ver co 97

    ANDAN COA ARTIMAÑA de afirmar que os resultados do BNG o 12-X son cuspidos aos de 1997. Aínda que, numericamente, se parecen, politicamente non teñen nada que ver. O cénit electoral acadado polo BNG con Beiras á fronte prodúcese logo dun ascenso regular elección tras elección (1-5-13-18). Esta vez o chimpo de Ana Pontón foi triplicar o número de deputados.

    Aquel ascenso do BNG debeuse a un “proceso de acumulación de forzas”, que se denominou Proxecto Común, logrando aglutinar á case totalidade do espectro nacionalista e galeguista.

    Sumáranse ao BNG forzas que viñan da esquerda estatal, como Inzar. Do nacionalismo moderado, que estivera xa no Goberno, como o PNG, ou do nacionalismo que emprendera unha xeira autónoma 20 anos antes, con Camilo Nogueira a fronte, Unidade Galega, e, tamén, do apoio doutras personalidades independentes, cun constante ascenso nos concellos.

    Ademais, no 1997 só se presentaban tres forzas políticas con capacidade para estar no Hórreo. No 2020 o BNG tiña que competir con dúas formacións máis que estaban presentes no Parlamento e que lle disputaban os votos no seu propio campo: GC etc..., e En Marea. Os resultados de había catro anos situábanas nunha mellor postura na campaña electoral, tanto para os medios públicos, coma para os privados. Por se fose pouco, sempre se afirmou que, daquelas, o BNG conseguira sobordar ao PSOE pois esta formación viña en devalo polos escándalos e a corrupción, aparecendo en Madrid un fulgurante Aznar.

    Aínda máis, analizaban que os resultados do BNG tiñan sempre unha relación directa cos do PSOE, dependendo se ocupaba a Moncloa ou non. Pois agora os socialistas non só están na Moncloa, senón que, por vez primeira, sobrapasaron ao PPdG nunhas xerais.

    E para pórlle o ramo as diferenzas, non estamos nunha vaga progresista coma daquelas, senón que o conservacionismo avanza en toda Europa.

    Hai que ter coidado coas comparanzas e se se queren facer, ollar para a sociedade e non só para os números. E a sociedade galega de hoxe non é a de hai 25 anos. O BNG, tampouco.

    25 jul 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.