Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Bolboretas de ouro

    ESTA é a mandala “L”, coa semántica numérica da letra romana. Letra que apela na condución a ser novata, o que tamén é unha realidade no para min mundo da escrita. Chegar a este número de ouro, que ten un valor diferente ao número aureo, lévame a facer balance, e a volver a lelas todas como fixo a miña amiga Trini. Comezarei confesando que accedín a este reto de ECG, por un reto previo. A miña curmá Lola Veiras pedírame que escribira para un catálogo da súa obra. Sabía que a Lola non lle diría que non e resultou ben enfiar en malva a pintura coas matemáticas.

    O obxectivo era tratar diferentes temas e enfialos desde a miña mirada matemática. mencionei proxectos que admiro e nos que participo, como o Seminario de Investigación a Investigación, da primeira. Conxuntos de persoas, como os equipos dos benestares aos que lles dediquei a mandala “XLI”, a novena promoción de Estalmat-Galicia... e tamén considerei que era unha oportunidade para visibilizar ás persoas próximas ás que admiro, e que non saen normalmente nos xornais. Facendo reconto son mais de 170 persoas diferentes que nutriron as mandalas previas.

    Cuantificando as aparicións en diferentes aportacións, hai dúas persoas que resultan as máis nomeadas e que me levan, como a mandala define, ao orixe. A miña nai presente en 12 e o meu pai en 11 mandalas. Ela como inspiradora de vida e el como xastre que deu moitas puntadas e que poido ler todas as anteriores.

    O título de hoxe son eles. Fixéronnos o convite a vida aos tres irmáns, comprometeron a súa cos nosa felicidade. Insistían que a mellor herdanza eran os estudos. Comparto este ensino vital pero quero engadir a aprendizaxe recibida na casa, chea de materias de gratitude, esforzo, traballo, elegancia e respecto a todas as persoas que vas atopando na vida: “de todas se pode aprender, das que che parece ben o que fan, para repetilo, e das que non, para non facelo”, sigo escoitando estas palabras coa voz da miña nai.

    O 31 ten para a familia Vázquez-Cendón a pegada da gran despedida, por ser a data do funeral dos dous, pero con todo o aprendido, temos que apelar a transformación das bolboretas. Elas pasan por estadios diferentes, e como elas, a súas aprendizaxes, as súas lembranzas e o seu amor infindo teñen que dar paso, despois do duelo, a beleza serena que fai que en cada lingua as bolboretas se pousen na palabra que máis aléitea harmonía.

    As miñas bolboretas, como todas teñen moitas cores, e para compensar citas, este parágrafo vai para o meu pai. Como anticipaba no suplemento do 25 de xullo de ECG, este curso foi unha oportunidade para aprender na materia de compañeira na casiña do lume. Aprendín como costa des-aprender cos anos, o efecto mandala de volver a orixe e apelar á necesidade da axuda, cando un pai o que ten integrado e dar e non pedir ou recibir.

    Deberiamos saber que a curva da aprendizaxe ten un máximo e unha gran simetría vital e que as persoas ocupamos lugares complementarios en idades complementarias. Os paseos e a lonxitude dos mesmos identifican velocidades vitais que tamén temos que aprender, e que podemos gozar a todos os ritmos. O control do cálculo no dominó foi un sinal de afouteza mental e para min unha honra recoñecerlle gañador da última partida, como bolboreta de ouro!

    12 ago 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.