Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Bóteme unha firmiña

    Un dos argumentos que o Partido Popular está a empregar desde hai semanas verbo da eventual concesión de indultos aos independentistas cataláns presos, é a esixencia de arrepentimento por parte destes. Unha circunstancia que non está contemplada na lei de aplicación e que os que a esgrimen deberían de coñecer de sobras. Un medo á reiteración no delito por aquela frase que Jordi Cuixart pronunciou, “Ho tornarem a fer”, cuxo plural descoñecemos a quen alcanza, pero que en calquera caso nunca foi pronunciada por ningún dos políticos presos.

    O certo é que quen o volveu a facer foi o propio Partido Popular coa recollida de sinaturas contra a concesión de calquera medida de gracia: queren cumprimento íntegro da pena e, naturalmente, seguir a tirar proveito do conflito en ausencia daquela vaca que tanta leite deu, o terrorismo de ETA.

    Sorprende a reiteración no asunto das sinaturas pero sorprende aínda máis que as empregue o partido que agora preside Pablo Casado. Se o PP tense por forza institucional, o máis lóxico sería que a súa acción política se desenvolvese nas institucións, non na rúa, como faría calquera forza alternativa ou minoritaria. Mesas nas rúas para pedir sinaturas aos cidadáns e manifestación o domingo vindeiro na praza de Colón madrileña, como farían sindicatos, feministas, pensionistas e veciños para meter presión.

    Tamén sorprende que sendo o PP unha forza inspirada no humanismo cristián, non faga do perdón un sinal de identidade. Pablo Casado e os seus -que non dubidaron en seguir o mandato da Igrexa anos atrás a propósito da oposición ao matrimonio homosexual e mais o aborto-, agora ignoran o evanxeo de Mateo, que relata cando Xesús perdoou os pecados dun paralítico. Ou o de Lucas, cando el mesmo, no Calvario, pediu ao seu Pai que perdoase aos que o crucificaron, porque non sabían o que estaban a facer.

    Non, polo visto o perdón non está no catecismo de Génova, 13. Eles que tanto e tanto teñen a facerse perdoar, cando cada volta dun “caso” fai emerxer presuntos pecados e presuntos pecadores, os máis recentes os de Dolores de Cospedal -e do seu marido Ignacio López del Hierro-, a artífice co seu apoio de que Pablo Casado gañase a presidencia dos populares fronte a Soraya Sáenz de Santamaría. Que ao cabo, non pasou tanto tempo desde que foi secretaria de organización do partido e “retiradoira” dos poderes de Luis Bárcenas, a quen -polo visto- quixo tamén roubarlle canta documentación comprometedora tivese.

    Unha recollida de sinaturas que en Cataluña apenas existe, máis alá das páxinas web da formación. Posiblemente, por dúas razóns. A primeira, porque o PP é un partido residual no mapa político catalán (3 deputados de 135); a segunda, porque algún dos seus dirixentes -como Xavier García Albiol- recoñeceu xa en 2015 que aquela recollida de sinaturas contra o Estatut de 2006 foi un erro, preámbulo para o recurso ao Tribunal Constitucional que retallou unha lei aprobada polas Cortes e referendada pola cidadanía. Polvos aqueles que trouxeron aqueloutros lodos do procés e do referendo do 1 de outubro de 2017.

    Incapaces de reconducir desde o goberno aquela situación, agora calquera motivo vale para desgastar o goberno do PSOE e UP. Pero como esa campaña non parece que vaia dar moito froito -agora xa non poder repetir aquilo de “contra Cataluña”-, para reforzar esa presión vanse manifestar en Madrid para non deixar a Vox o protagonismo na rúa da oposición aos indultos. Gardando, iso si, as distancias e non por razóns sanitarias, porque polo visto non queren unha segunda “foto de Colón”: para que os de Abascal os apoien, si -incluso tragando rodas de muíño- pero na rúa, non.

    O asunto -cousa que moita prensa de Madrid non sabe ou non quere entender- é que a concesión dos indultos sería como cortar aquel nu gordiano: ERC quedaría liberada do seu compromiso con Junts per Catalunya e podería negociar novas propostas co PSOE e as outras esquerdas de España. E iso poñería en perigo o modelo neoliberal que o PP ten en mente e que xa está a facer realidade en Madrid desde hai anos. O resto é retórica.

    Joaquim Ventura

    09 jun 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito