Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Cafés e pandemia

    Unha das consecuencias do andazo que estamos a padecer é que poden desaparecer os negocios máis fráxiles, especialmente aqueles que malia a súa condición veterana, dependen máis dos forasteiros ca do público local.

    En Compostela cabe sinalar a recente desaparición do histórico Derby, no comezo da rúa das Orfas, que non resistiu o confinamento de primavera. Salvando as distancias, agora son os propietarios do célebre Florian, na praza de San Marcos veneciana, os que reclaman unha axuda do Estado para que o tricentenario café sobreviva.

    Estiven na cidade das canles hai ano e medio e, borrada da miña memoria calquera lembranza de cando estivera en 1973, o Florian pareceume a personificación da inexorable decadencia veneciana. Xa non eran as súas paredes, con moitas zonas sen pintura, senón sobre todo a ausencia de clientes. Nos seus luxosos salóns interiores apenas podías atopar algúns xaponeses –coma sempre, despistados- fieis seguidores de cadansúa guía turística: se aparece Florian, cómpre ir ao Florian, e non procurarán nada fóra dela. Pero na súa terraza –e iso vale para as dos outros cafés, como o Lavena ou o Quadri- non había ninguén de día nin de noite.

    Na terraza do Florian estaba sentada unha parella, moi elegantemente vestida, que era un reclamo, como o eran os músicos que tocaban. Tal evasión de clientela tiña unha explicación moi sinxela: parar naquela terraza a tomar algo supoñía ser vítima dun atraco a man desarmada, incluso para alguén coma min, que exerzo un turismo individual e de procura dos lugares non tópicos das cidades. Imaxinemos daquela o turismo low cost que só visita os sitios máis coñecidos: ¿quen vai pagar seis euros por un café, dez por un zugo de pera ou doce por unha copa de viño? Máis outros seis por persoa por suplemento de música.

    Estes cafés venecianos eran a galiña dos ovos de ouro hai uns anos, cando parar neles era case de obriga malia os prezos pero a cambio tiñas un anaco de tranquilidade mentres observabas a catedral e o conxunto da praza. Pero agora non. Nos últimos anos non tiñas máis vista que os rabaños de turistas que baixaban dos cruceiros ou dos vós de baixo prezo, e que invadían o centro da cidade sen ningunha consideración. Abonde para confirmalo que a única maneira que tivemos de ver o interior da catedral de San Marcos foi ir a misa de nove da mañá do domingo: visitala de maneira turística supuña unha espera mínima dunha hora e a conseguinte circulación masiva polo seu interior.

    En Barcelona son poucos xa os cafés que resisten. Hai apenas un ano caeu o Schiling, na rúa de Ferran, intento renovado de café en 1996 onde antes houbo unha armería austríaca, de quen conservaron as estruturas interior e exterior e máis o nome. Foi vítima do turismo de masas, que prefire unha vulgar hamburguesa a unha copa de viño ben servida. Ben axiña e por orde dos novos propietarios ou inquilinos (que pensaban abrir un negocio de comida barata para turistas), foi baleirado e –cabería dicir- saqueado das súas madeiras centenarias e do seu mobiliario. Coa chegada do Covid19 segue pechado.

    Malia as adversidades, cómpre salientar o histórico Cafè de l’Òpera, fronte ao Liceu, ou o Zurich, na esquina entre a praza de Catalunya e a rúa de Pelai, que agora cumpre cen anos.

    O Zurich foi e é un café sen máis pretensións que atender ben, con prezos máis que axustados e servizo de camareiros nacidos no pais, o cal significa contratos fixos e profesionalidade. Punto de cita habitual desde hai moitos anos, este local naceu coa estación dos Ferrocarrils de Catalunya que ían a Sarrià, ao Tibidabo e ao Vallès Occidental, cando a empresa deu a concesión dunha barra e algunhas mesas para a espera dos viaxeiros.

    Hai uns anos, finalmente, urbanizouse o triángulo Catalunya-Pelai-Bergara e o Zurich tivo que ser reconstruído –conservando o aspecto orixinal- no novo edificio comercial. Pero se ben boa parte dos seus clientes eran turistas –a orientación da súa terraza permite que lle dea o sol moito rato-, a súa base son os clientes locais, que agora –sen os turistas de paso- poden volver a gozar dunha instalación tan espléndida. A confirmación é de Andreu Valldeperas, o cuarto propietario con este nome e apelido, a quen seguirá a súa filla Maria.

    Joaquim Ventura

    20 ene 2021 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito