Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Caras ASombraDas da Ciencia

    AS persoas que seguen a Mandala saben que me gusta partillar as palabras para multiplicar semánticas. O mes de marzo comparte a M de muller que o día 8 acada un valor infinito ao deitarse co peso de todas as achegas de mulleres coñecidas e de mulleres que foron tapadas pola sombra doutras persoas.

    Organizamos moitas actividades para poñer luz ás mulleres na sombra. Temos que poñernos nós á súa sombra e dar conta das súas historias. Compartir o binomio de heroicidade e normalidade, presente en moitas traxectorias de mulleres senlleiras, esperta caras moi asombradas en nenas e nenos.

    Esta responsabilidade de facer de espello da admiración, iníciase en febreiro, ao celebrar o 11-F o Día da Muller e a Nena na Ciencia.
    Foi unha honra compartir con moitas colegas, as xornadas organizadas pola asociación La Ciencia es Femenino, da que formo parte, conectando en Ourense con varios centros.

    A terceira M é a das Matemáticas. O 14-M do 2020 tiña que ter a semántica do primeiro ano no que se celebraba o día internacional das Matemáticas. Hoxe témolo asociado ao estremo inicial do intervalo temporal do confinamento. Un ano cheo de vivencias diferentes nas que sentimos admiración polo comportamento de moitas mulleres e moitos homes, polas nosas propias reaccións e polo gran reto colectivo. Apelando ás Matemáticas a gratitude deitarase de novo e vólvese infinita, e nunca tanto a Ciencia en xeral foi invocada.

    Volvendo á terceira M, na web https://marzomates.webs.ull.es/ compártense todas actividades organizadas por DIMA para celebrar marzo como mes das Matemáticas. Non chegará un mes para saborear toda a colleita colectiva tan ben sementada.

    Poderemos gozalo antes e despois do Día Internacional das Matemáticas, o 14 de marzo, o día de p. O número que fai rodar ao mundo e a todo o que xira. Esta volta ao redor do sol, durou coma sempre, pero deixounos unha pegada na que os números conéctannos coma nunca ás persoas e á vida, e o lema deste ano é Matemáticas para un mundo mellor.

    Nunca tan claro quedou o importante da acción individual para o beneficio colectivo, e os modelos matemáticos aportaron luz á gran sombra xerada pola COVID-19. Aprendemos e cuantificamos o valor das conexións e dos afectos. Como autodefensa chegamos a vacinarnos dos números nas novas e, ao mesmo tempo, seguimos as gráficas dos indicadores como as dos latidos, sabemos que marcan o pulso da vida colectiva. E, despois de demandar tanto as vacinas, hai quen as rexeita polo pouco tempo da súa xénese. O que tamén produce caras asombradas da Ciencia...

    Eu vin a cara do meu pai cando recibiu a primeira dose, vin o efecto tranquilizador da Ciencia ao transformar medo e ansiedade en felicidade. Polo compartido con amizades que tamén acompañaron ás nais e aos pais, ou que puideron volver a tocalos nas residencias, os efectos das vacinas que non aparecen nos informes, e que todas a todos gravamos, son os das cara asombradas da Ciencia que sempre estarán agradecidas pola vida!

    25 mar 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito