Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Cardiopolítica

    DÁ gusto saber que o deputado Pedro Puy se recupera (do “evento”, como di el) e que o recuperan para que siga no Parlamento. O portavoz do PPdeG distínguese entre o fato de políticos desa factoría Feijóo que veu producindo elementos de goberno útiles. Puy (sen deixar de ser útil) conseguiu manter unha certa calidade de inútil. Ou sexa de personaxe máis diverso, que non perdeu esas singularidades que van deixando polo camiño os homes e mulleres de feitura Feijóo até se converteren en pezas eficientes pero unidimensionais. Puy é máis poliédrico. Funciona no seu traballo, pero tamén parece que le libros, que consume cultura, que medita, que escribe. Incluso escribe procurando darlle ao lector o gustiño de ler, o “plaisir du texte”, que diría Barthes.

    Esta vontade de estilo convive curiosamente coa preguiza de coller unha gramática e aprender dunha vez a diferenza funcional de te e che, ou evitar o pronominaloide elo, horrísono voquible usado a eito. Pero, aínda así, o seu galego escrito resulta máis sabedeiro ca o de case todos os redactantes (e redactantas) que levantan pola mañá columnas que se esfurrican pola tarde. Que mal se escribe (escribimos) en galego.

    Politicamente, Puy debería ser máis vendedor de si mesmo, pero parece que prefire esa discreción inspirada polo seu ton intelectual, e se cadra tamén apoucada por un certo complexo de “sobriño de” (os mellores non aturan a sombra de tutelas nin tutíos). Galicia produce políticos que crean de si mesmos superstición, pero Puy crea suxestión.

    Eu véxoo como presidente, guindando retranca do país pero cun rebozo cosmopolita. Porque el pode enfeixar a Cunqueiro con Churchill. E de paso convidar a Keynes, que foi por onde hai uns anos eu reparei en Puy. Pareceume non un keynesiano, senón un keynesista, é dicir, non só interesado polo home de leira económica, senón polo tipo con universo mental, con culto á civilización (coma aqueles de Bloomsbury).

    O libro de Keynes que se cadra máis lle gusta (ou non) a Puy é o Breve tratado sobre a reforma monetaria (o favorito de economistas coma Milton Friedman), que creo que é onde aparece o tópico toupeira co que máis esburacan os keynesianos toupas: “A longo prazo estamos todos mortos”. É mellor que hoxe teñamos fartura porque pasadomañá imos ter sepultura. O que daquela non entendín é por que Puy prevaricou a mítica frase cambiando mortos por calvos. Pero certamente a alopecia mellora a fúnebre prospectiva: a débeda é mellor pagala a pelo (non a morto).

    É agradable saber que se recupera Pedro Puy (debería haber unha especialidade cardiolóxica que se chamase cardiopolítica), porque a medio prazo podería lucir como candidato. Aínda que sexa un chisco calvo (pero a salvo).

    03 jun 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito