Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Case unhas memorias

    RECIBO con enorme ilusión un libro colectivo dedicado ao profesor e filósofo Manuel Regueiro Tenreiro (Perbes, 1943-Lugo, 2019), coordinado polo escritor Xulio Xiz. Titúlase Manuel Regueiro Tenreiro: Harmónico bilingüismo... Harmonía vital. Este traballo mancomunado e cheo de agarimo ao noso amigo tristemente desaparecido aínda non puido presentarse e nin sequera sei se está xa nas librerías. Agardo que si porque a nómina dos colaboradores e amigos que escriben neste libro fala do corazón farturento que sempre tivo para todos Manuel.

    Moitos recordan a súa etapa como Director xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia (1989-2000); outros foron testemuñas do paso de Manolo Regueiro pola Subdirección Xeral de Inspección e Reforma Educativa (1988-1989). Nestas 80 colaboracións hai tamén páxinas escritas pola súa esposa Maite, os seus fillos e outros membros da familia; compañeiros de estudos e compañeiros da profesión docente. Un ramallo ben disposto de palabras que inaugura Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, e que conta coa colaboración de Valentín García, actual secretario xeral de política lingüística.

    Para os que non tiveron a sorte de coincidir con don Manuel Regueiro podo dicirlles que era un home de concordia, que fixo moito ben á política lingüística de Galicia ao demostrar que o galego e o castelán podían convivir harmonicamente no canto de convertese en armas de guerra para guindar á cabeza do opoñente político. Escribiu os primeiros textos de Historia da Filosofía en galego para o ensino secundario e practicou durante toda a súa vida a ironía socrática como camiño para chegar ao corazón e a alma das persoas.

    Hai tamén neste volume unhas páxinas escritas polo propio Regueiro, tituladas Case unhas memorias. Mágoa que non puidese poñerlle o ramo a este fermoso proxecto ou, mellor aínda, partillalas connosco en calquera recanto lucense.

    24 may 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.