Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Caso Maruxaina

    HAI moitos anos que comparto que todas as decisións xudiciais, especialmente as penais, deben ser xustas, imparciais e equitativas e incluír a perspectiva de xénero, que non é máis que identificar, para erradicalos, os estereotipos negativos que determinan un trato desigual, os prexuízos machistas e as preconcepcións sobre as capacidades e os roles das mulleres.

    Nos últimos tempos asistimos a un movemento de críticas a algunhas resolucións penais precisamente por non seren ditadas coa dita perspectiva de xénero, afirmando que son machistas, androcéntricas e ditadas por persoas sen formación na materia. Nestes días, esas mesmas críticas están aflorando co auto de sobresemento do que xa se ten chamado caso Maruxaina.

    É un feito que no verán de 2019, na romería de A Maruxaina, máis de cen mulleres foron grabadas con cámara oculta nun canellón mentres facían pis, para difundir esas imaxes despois en páxinas web porno.

    Din os medios (eu non teño acceso nin ás denuncias nin aos autos) que a maioría desas mulleres denunciaron delitos contra a intimidade (descubrimento e revelación de segredos) e contra a integridade moral. Mais o xuíz de instrución non apreciou delito algún.

    En canto ao delito contra a integridade moral, parece que o xuíz seguíu a doutrina do TEDH, que o define como aquel trato que poida humillar, envilecer e quebrantar a resistencia física e moral das vítimas. E desbotouno. E tamén desbotou o delito de revelación de segredos porque as grabacións foron na vía pública.

    Con todas as cautelas que se deben ter por non ter lido ningún dos documentos, quero dar a miña humilde opinión.

    Non semella que Fiscalía e Xulgado falen do mesmo parágrafo do artigo 197 do Código Penal, o que non é unha cuestión baladí porque necesariamente hai que encaixar a conducta nun tipo penal para poder sancionar.

    Mais neste asunto agroma unha certa estreitez de miras do responsable da instrución. E explícome: o ano pasado, o TS criticou a fatal redacción deste artigo, que concede unha capacidade de interpretación inmensa ao xulgador. Afirmou o TS que, cando se fala dun ben xurídico tan etéreo como a intimidade, non se debe facer unha interpretación microliteral, sendo máis importante protexer o dereito á intimidade que valorar onde se tomaran as imaxes.

    E logo está cal debe ser o labor dun xuíz de instrución, que non é outro que facilitar a investigación dunha conducta aparentemente delictiva, sen entrar noutro tipo de valoracións. Esta é a doutrina dos TS e TC desde hai décadas.

    Non é lóxico nin sería xusto que conductas reprochables poidan quedar impunes por non encaixar nesa literalidade estricta dun artigo mal redactado polo lexislador.

    E así volvo ao comezo. Todo o anterior nada ten a ver coa acusación que circula por aí de que a resolución xudicial non se ditou con perspectiva de xénero. E xa non digo nada da barbaridade de propoñer cambios no acceso á carreira xudicial para evitar que se xulgue sen prexuízos sexistas. Porque xuíz e fiscala non compartiron a mesma interpretación despois de ter pasado a mesma oposición.

    Cousa distinta sería que as administración apliquen medidas que poderían resultar efectivas para erradicar os estereotipos negativos sobre as mulleres nas resolucións xudiciais, como é a psicoloxía forense experimental, que non procura só a credibilidade da vítima. Psicoloxía forense experimental que xa se está a aplicar polo IMELGA nos seus informes. Informes que deberían ser o máis inmediatos posibles e IMELGA que debería contar co número suficiente de equipos para desenvolver o seu labor. Pero esa é outra historia.

    06 oct 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito