Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Colonización fallida

    A xente que olla cara o mundo, axiña repara nas agresións dos poderosos, que loitan sempre nas nacións dos mais pobres. Estes pobos, sen medios de defensa, van escoitando a miúdo o son das bombas, mentres os nenos crecen débiles e sen escolarizar. Na nosa sociedade occidental non se prodigan hoxe as bombas. Sen embargo, certos políticos promoven os escraches e os ataques aos propagandistas dalgúns partidos, á espera de conseguir naturalizar os insultos á xente que non respira ao seu xeito.

    Nos nosos tempos, nas eleccións autonómicas, procúrase o apoio aos propios representantes. En ocasións previas, cando moita xente arriscaba quedar sen traballo, non era doado conseguir que os encargados da industria no poder central, acudiran a botar unha man a estes lugares periféricos... Sen embargo, cando chegan as eleccións, mesmo se son mais da conta os administrativos do poder, hai sitio para todos eles. Non é que os atraia nesta ocasión o rico marisco, aínda que non o perdoen, se non o intento de darlle mais peso ao seu candidato, e así poder colonizar.

    A xente, mesmo a máis sinxela, entende ben se quen chega a Galicia busca convivir, ou máis ben recoller. Non é que á xente que chega, polo posto que ocupa, lles falten medios para convencer; pero o problema que encontran é que a xente de provincias á que intentan colonizar, non é tonta: mais ben demostra ter moito sentidiño.

    Non fai falta ser moi lúcido para percibir que algúns slogans que traen, e que substitúen aos indispensables proxectos, non serven para a xente do pobo, que é intelixente. Cando o proxecto deses salvadores é simplemente botar fóra a unha persoa, o galego dirá que “depende”...; e, se os outros intentan convencer á xente dicindo “eu vou facer cambiar Galicia”, nós dicimos: ¿En que a vas facer cambiar?; ¿de que xeito...?; ¿con cales resultados...? Aos galegos, o cambiar por cambiar non nos basta: hai que axudarnos a mellorar... O cambiar –vai ti a saber se é para peor–, non serve para nada.

    O caso é que agora, ao ver que a colonización non foi posible, non recoñecen o seu desastre, causado por vir buscar, no sitio de ofrecer melloras de xeito convincente. Agora intentan convencer para o futuro, mesmo con engano, a esta sociedade galega. Gustaríame escoitar aos políticos perdedores as expresións que pronunciaron en voz baixa e co micrófono apagado, sobre a nosa falta de capacidade, de comprensión, de lucidez... Pero iso coido que é mais ben froito da pobreza intelectual de quen o pensa... Nós, os galegos, dicímosvos unha vez mais, xa por adiantado, que “depende”...

    Aos frustrados colonizadores, non lles basta, para sacar froito da súa visita, o dicir que a vida vai hoxe por uns camiños distintos dos que seguen a maioría dos galegos, cristiáns eles. Non. Os que só intentan recoller, ou non pisan os lugares de culto, ou mesmo se asisten, nin sequera pronuncian o “Amén”. Sen embargo quererán que lles fagan a foto a pe da Catedral e mesmo fixarán a esquina de A Quintana, por onde a xente entra e sae da Catedral de Santiago, para retransmitir os resultados das eleccións, que esperaban distintos, aínda que agora os botaran a eles do Parlamento galego.

    16 jul 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.