Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Como en Irlanda...

    “CANTAS veces non dixeron a onde imos ir nós fóra de España? Ou o de que con iso que defendedes sería un desastre e unha miseria. A resposta agora é moi fácil. Sería o noso hipotético interlocutor quen tería que responder a onde imos co actual modelo”.

    Quen así razoa é o profesor da USC Miguel Anxo Bastos, doutor en Ciencias Políticas e Economía. Faino botando man dun informe oficial no que se da conta da perda do peso relativo do Estado español na economía europea e como foi superado en PIB per cápita por varios países pequenos que, non hai moito, conseguiron a súa independencia.

    É o caso de Lituania, Eslovenia, a República Checa ou Estonia. Por non falar de Luxemburgo ou Irlanda, que sou os dous estados máis ricos da UE con diferencia.

    Si, aquela Irlanda, que aínda nos anos oitenta do século pasado a describían como periférica, incapaz de desenvolvemento industrial e condenada á marxinación económica, entre outras razóns por ter unha poboación avellentada por mor da emigración...

    Afirma o profesor Bastos, que o proxecto español en Europa se está a revelar como un fracaso económico en perspectiva comparada. Pero a súa aplicación en Galiza aínda é máis enxeca para o noso desenvolvemento.

    Outro profesor, neste caso o Premio Pulitzer norteamericano Janrd Diamond, sostén no seu libro Crise, como reaccionan os países nos momentos decisivos, que nun estado de crise os países deben decidir que é o que funciona ben e merece a pena conservar e, tamén, o que hai que mudar para facer fronte a nova situación. E analiza como todas as nacións que souberon saír axeitadamente dunha crise optaron por reforzar a súa identidade nacional “que apela a aquelas características da lingua, a cultura e a historia que fan que un país sexa único entre todos os do mundo”.

    Esa identidade nacional que ten Galiza, á que uns non lle dan importancia, outros non obran en consecuencia, e aínda os hai, mesmo desde o Goberno, que non só a negan, senón que fan todo o posíbel por rematar con ela, comezando pola lingua.

    08 ene 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito