Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Como ha quedar o campo logo da batalla aínda está por ver

    LEVO semanas nas que non vexo un telediario, moito menos un debate, nas que só utilizou o televisor pra ver películas ou pra me anestesiar con algunha serie. Conste que hainas que nin dirixidas por Morfeo. Comecei a ver unha, xa na súa tempada non sei cantas, nas que un matrimonio e máis unha filla non fan máis que andar, e andar, e andar e de paso,
    sen vir a conto e sen saber por que, péganlle un tiro a alguén e logo seguen a camiñar ata a escena seguinte na que lle volven pegar outro tiro a outro e todo
    sen dicir nin pío.

    Moi interesante e instrutiva. Titulase Tin Star, dígollo por se padecen de insomnio e queren remedialo porque, chegada a hora de botar a soneca de logo de almorzar ou xa a de durmir, escoiten o que lles digo, élles man de santo.

    Voume defendendo coa lectura da prensa escrita e non me dou afeito a lela no ordenador, que lle vou facer. Hai xa anos lin que en Inglaterra os estudantes imprimen nas súas casas as páxinas que necesitan nos seus estudos pois decatáronse de que a súa capacidade de
    comprensión aumentan cando len o escrito nun papel. Dende entón, dende que o lin, perdín a vergonza e xa me importa un pito que me digan que non estou afeito prá vida moderna.

    É así que, pra lles escribir a vostedes este meu semanal faldón, non saio do que leo nos xornais –non menos de
    tres cotiás– e voume valendo con eles. O problema é que xa levamos moitos meses, meses abondo, nos que a mitade de cada xornal ven ocupada con titulares da pandemia, consellos sobre a pandemia, noticias sobre a pandemia, estatís-
    ticas sobre a pandemia ... de xeito que o pandemonium resultante é agobiante pró lector e tamén pra min que me
    nego a escribir a cerca da peste que nos somete e extermina.

    O resto do xornal adoita irse en cousas de políticos e deportivas e ata as entrevistas, feitas por xentes que non se preocuparon de indagar moito encol dos seus entrevistados, acaban sempre preguntando se un é do Celta ou do Depor.

    Quen me ía dicir a min que era moito máis doado antes que agora. Refírome a antes, a cando escribía un artigo cotiá nesta mesma páxina só que no seu ángulo superior esquerdo. Daquela era posible un diálogo co lector; un diálogo que agora non procede.

    Menos aínda, no medio e medio da paisaxe social que disfrutamos. Antes,
    se un día non tiña de que escribir? Pois ese día inventá-
    bame unha né-
    cora no Carretas, cantaba as excelencias das súas carnes brancas e como de novicia e, agora, cando nin unha visita trimestral consinte inventos coma ese, eu que sei, unha ostra n’O Freixo na de Pepe d’O Coxo, que
    fago eu da miña vida?

    Hoxe, por exemplo, meu irmán está de cumpreanos. Antes podíame permitir o luxo de felicitalo dende eiquí e non pasaba nada; pero quen se atreve agora? Repaso a prensa e o que vexo é o Depor alá embaixo, o Compos pelexando por volver arriba, o Celta bamboleandose por se manter onde se atopa, as eleccións catalanas coleando de xeito que fai recordar que o termo capicúa e de orixe catalá: pódense ler de dereita a esquerda e de esquerda a dereita sen que pase nada: a cabeza e a cola, cap i cua, son iguais póñaste como te poñas.

    Sigo, Iglesias, o do moño, non o da barba branca e venerable, quere controlar a prensa; Casado ocuparse no negocio inmobiliario; Arrimadas vendo a quen se arrima; Rosa Díaz amortizada en combate; a rapaza esa catalá que conduce coches de marca sorrindo satisfeita e, como moi ben oportunamente sinalou Kiko da Silva, esoutra rapaza vestindo camisa nova e coa mirada clara y lejos cantando rap, que non facendo uso da liberdade de expresión, ou ó revés, claro, que tamén a cousa foi de cap i cuá, ui que medo!

    Como ha quedar o campo logo da ba-talla é algo que aínda está por ver, pero millor vai ser que nos vaiamos prepa-rando; sabemos o que se nos está a vir
    en riba, pero descoñecemos case que
    por completo o que aínda pode vir malia que sexamos moitos os que xa o imos presentindo.

    Pero, non se precoupen, eiquí non pa-sa nada, así que calma, moita calma, e todos ó ferruxio.

    25 feb 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito