Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Como se chama ese paxaro prodixioso?

    O 15 de abril deste ano, na reunión do Comité Galego de Caza, a Administración autonómica adiantou que, un ano máis, se vai autorizar a caza da rula na Zona de Especial protección para aves da Limia. Desde o 2014 temos unhas 3.800 rulas menos por este motivo. Menos sementes, máis fertilizantes e... a caza. Sobran as palabras.

    Chegou a primavera e para os que vivimos na aldea é un auténtico privilexio gozar cada día dos seus rechouchíos. O triste é que moitos de nós nin identificamos as aves, nin os seus sons, nin coñecemos as lendas, contos, refráns, crenzas... asociados a elas.

    Lembro moi poucas cousas de meu avó paterno pero véxoo arrolándome na lareira e cantándome: “Paxariño gorrión, onde vas facer o niño? Á horta do señor cura/ ao máis alto ramalliño”. Marabillosa na súa sinxeleza. Despois souben que os gorrións ou pardais aproveitan un descoido e aprópianse dos niños que fan outros. Tamén lembro como, de nena, os amigos e mais eu estabamos moi pendentes do canto do cuco, porque anuncia a chegada da primavera e, ademais, tamén anuncia para quen o escoita, boa sorte e moitos anos de vida.

    Conta a lenda que as vivas cores dos xílgaros, moi representados en imaxes medievais da Virxe co Neno ou en escenas da Paixón, se deben a que foi o último creado por Deus quen aproveitou as cores que lle quedaban despois de crear as demais aves; Filomela, personaxe da mitoloxía grega, converteríase en reiseñor símbolo do amor, da primavera e do mes de maio. Coller un carrizo dá mala sorte porque, contan, cando os soldados de Herodes lle preguntaron se viran a Sagrada Familia, que fuxía a Exipto, contestou: “tin, tin, tin por aquí non os vin”.

    Ademais de aves trampulleiras como o cuco ou o pardal, tamén nos atopamos con ladroas especializadas en xoias e bixutería como as pegas; agoreiras como os curuxas e os corvos; pesadas como o peto, que pode bater co peteiro ata 120 veces por minuto; coas elegantes lavandeiras que teñen o don de facer felices as mozas, as chamativas bubelas, as fogareñas andoriñas, paporrubios, merlos, estorniños, miñatos...

    No 2004, a editorial Baía edicións publicou unha fermosa Guía das aves de Galicia que recollía 448 especies máis un CD cos cantos de 110. Unha xoia que aínda se pode mercar. Hoxe xa existen distintas apps e páxinas web que nos axudan a recoñecelas pero, o mellor, dar un paseo, observalas e escoitalas in situ e, se se presta a ocasión, preguntar a quen saiba e as recoñeza. Todo un luxo para os sentidos e para o espírito.

    04 may 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito